Cristalería Ziralla
Resumo do proxecto
Descrición
Proxecto de aumento e mellora da produción da Cristalería Ziralla mediante a compra dun forno de laminado de vidro.
As características técnicas do novo forno permiten ofertar un servizo innovador aos clientes, garantindo as normas de calidade e seguridade. Ao tempo, aumenta a capacidade de produción e o aforro en custes de materia prima. O forno de laminado de vidro tamén é máis respectuoso co medio e contribúe ao seu coidado, ao permitir separar o vidro para reciclar.
Innovación, investigación e tecnoloxía de vangarda
No ano 1987, abríronse en Allariz as portas da Cristalería Ziralla, unha pequena empresa familiar de fabricación, transformación e distribución de vidro, onde atopamos a Manuel e Yago, pai e fillo, respectivamente.
A calidade dos seus acabados e a experiencia dos seus profesionais fixo que a empresa se fose consolidando como unha cristalería de gran prestixio, sempre baixo a idea de investigación e innovación dos seus produtos e das súas instalacións.
O traballo desta cristalería destaca pola aplicación de novas tecnoloxías de vangarda, o que lles permitiu crear a súa propia marca de laminado de vidro, Crystalam, orientando o negocio cara a decoración e centrándose na fabricación de vidros exclusivos dirixidos á restauración e hostalaría.
Unha empresa tradicional e innovadora, que aporta calidade e orixinalidade nas solucións de vidro, personalizadas para cada cliente.