Espazo BenComún
Descrición
Proxecto de compra e acondicionamento dun local, con equipamento informático e audiovisual, para a instalación dun espazo de traballo, aberto aos diferentes profesionais, principalmente das industrias creativas, de contidos dixitais e da industria 4.0. O proxecto tamén inclúe o acondicionamento dunha nave, utilizada como almacén do espazo.
O proxecto conta cun centro de venda ao por maior de material de librarías e un espazo colaborativo no que se alugan postos de traballo de 7m para o desenvolvemento de diferentes actividades profesionais. O aluguer destes espazos pode ir con ou sen material informático, polo que se cobrarán diferentes tarifas en función diso.
O Espazo BenComún é a primeira iniciativa de carácter privado de coworking dentro do territorio do GDR10 Limia-Arnoia, mostrándose como un lugar innovador na zona, tanto polo concepto que hai detrás como polo equipamento co que conta.
Máis que un espazo de traballo
Situado no agradable entorno da praza Torre Lombarda de Allariz e con fermosas vistas sobre a ribeira do río e os cumes da reserva natural da biosfera, atópase o Espazo BenComún.
Carlos é o promotor desta iniciativa de coworking, que abriu as súas portas no ano 2018. As súas amplas e modernas instalacións ofrecen unha zona de traballo na que os diferentes profesionais poden desenvolver os seus proxectos e unha gran variedade de servizos e actividades.
BenComún xorde cunha forte vocación cultural e pretende contribuír a converter Allariz na capital da literatura, da arte e da creatividade. Por iso, nas súas mesas de traballo atopamos proxectos editoriais, de deseño e ilustración ou de xestión cultural, entre outros.
Desde a súa apertura, decenas de profesionais pasaron por estas instalacións para desenvolver os seus proxectos, algúns de forma puntual e outros establecendo alí a súa sede fixa. Un espazo adaptado á realidade de cada usuario, no que atopamos diferentes tarifas segundo as necesidades de cada persoa.
En definitiva, un espazo de traballo colaborativo, onde tecer redes de contacto entre profesionais, e un punto de encontro para a creatividade e a cultura, que lle ofrece un novo servizo a Allariz e unha nova opción aos profesionais da zona.