O Colmado Loxística Social
Descrición
Proxecto de compra, preparación e rotulado dun vehículo industrial, así como o deseño dunha páxina web para a posta en marcha do Colmado Loxística Social, un proxecto social, en colaboración coa área comercial Eroski, que ofrece un servizo de entrega da compra a domicilio, encargándose de mercar e levar o pedido ás vivendas de todas as persoas que viven na comarca da Limia.
A compra en todas as casas da Limia
En febreiro de 2018 xurdiu na comarca da Limia o proxecto de emprendemento social O Colmado, un servizo de entrega da compra a domicilio en colaboración co supermercado Eroski.
Despois de vivir varios anos fóra, Bea e Blas asentáronse en Vilar de Santos, a súa vila natal, e adoptaron unha idea orixinal do rural castelán, que souberon trasladar á realidade galega e ás necesidades dos e das limiás para crear este negocio.
Diariamente, Bea e Blas achéganse ao Eroski Center de Xinzo de Limia coas listas da compra dos e das limiás para cargar a furgoneta e saír a facer o reparto entre as vivendas que solicitan os seus servizos. As rutas establecidas e organizadas por días da semana permítenlles levar a compra aos 11 concellos que conforman a comarca da Limia e ás súas respectivas aldeas. Desta forma, as vivendas reciben os seus pedidos da compra de forma semanal e O Colmado contribúe, por unha banda, a facer máis liviáns as atarefadas rutinas do día a día e, por outra, axuda ás persoas que teñen un difícil acceso á vila para facer a compra.
Unha idea que pretende reducir o despoboamento na comarca da Limia e ofrecer un servizo que mellore a calidade de vida dos seus habitantes.