Centro Social de Porto
Resumo do proxecto
Descrición
Proxecto de acondicionamento dunha antiga escola para uso de centro social dos habitantes da aldea de Porto, no concello de Vilar de Barrio. A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Porto leva a cabo esta iniciativa de rehabilitación dunha escola tradicional abandonada, baixo a finalidade de fomentar o desenvolvemento social e cultural no seu ámbito territorial.
Ademais da reforma interior, inclúese neste proxecto, o acondicionamento deste espazo con todo o necesario para o desenvolvemento das actividades que se levarán no seu interior, tales como talleres, cursos ou xornadas formativas, entre outras.
Antiga escola para novas aprendizaxes
A aldea de Porto conta cun centro social na parroquia desde 2019, cando se decidiu rehabilitar a antiga escola para proporcionar á súa veciñanza un espazo de desenvolvemento sociocultural.
A escola da aldea, que formou a numerosas promocións de cativos e cativas, levaba abandonada varios anos pero cobrou unha nova vida grazas á proposta de rehabilitación para uso veciñal da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Porto. Ademais da rehabilitación e acondicionamento da escola para o seu uso, adquiriuse o mobiliario interior e levouse a cabo a instalación dun sistema de calefacción de biomasa, respectuosa co medio ambiente.
Este espazo abandonado foi reformado baixo a idea de crear un lugar no que as veciñas e veciños puidesen desenvolver diferentes actividades lúdicas, culturais, sociais, formativas, informativas, etc.; promovendo así participación dos e das habitantes da aldea para crear unha maior cohesión social entre todos e todas.