A Asociación GDR10 Limia-Arnoia
A Asociación GDR10 Limia-Arnoia constitúese como asociación sen ánimo de lucro en xullo do ano 2008. Desenvolvemos o noso traballo en 25 concellos das comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova, na provincia de Ourense.
Sumar forzas para garantir o futuro do territorio
O papel do GDR10 Limia-Arnoia é o de exercer un liderado dentro das institucións locais e económicas do territorio, converterse nun elemento reforzador da organización interna das nosas comarcas e concellos.
A porta do GDR Limia-Arnoia está aberta a todas as entidades do noso territorio: asociacións xuvenís, de mulleres e agrarias, entidades de acción social e para a conservación do medio, ou do sector cultural, educativo, etnográfico etc.
O traballo de todas é esencial para poñer en valor o noso patrimonio natural e cultural ou para mellorar a contorna económica e contribuír á creación de emprego, entre outros obxectivos.

Obxectivos GDR10 Limia-Arnoia
Recuperar a actividade agraria, apoiar a diversificación económica
O GDR Limia-Arnoia conta coa Estratexia de Desenvolvemento Local para o período 2023-2027 como documento base. Algúns dos obxectivos recollidos na estratexia son:
- Deseñar e poñer en marcha modelos de xestión do territorio, que permitan recuperar a actividade agraria.
- Apoiar a diversificación económica desde unha análise territorial e da especialización de cada área do GDR Limia-Arnoia.
- Crear espazos de innovación e impacto para as mulleres dos concellos participantes.
- Formar e sensibilizar sobre o uso da auga e a enerxía.
- Crear dinámicas de participación e traballo en rede, no propio GDR e con outras entidades.
Os concellos que forman parte do GDR-10 Limia-Arnoia
Atopámonos no sur da provincia de Ourense e abrangue territorios de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova.
Para empresas e entidades sen ánimo de lucro
O programa LEADER no territorio Limia-Arnoia
A xestión dos fondos LEADER é unha das nosas liñas de traballo principais. O desenvolvemento das áreas rurais dos países membros, a participación da poboación do territorio e a integración de todos os recursos e actores económicos e humanos, son os obxectivos do programa LEADER.
O reparto dos fondos LEADER faise seguindo as bases reguladoras aprobadas pola Xunta de Galicia e o baremo para o territorio Limia-Arnoia. Neste sentido cómpre subliñar a zonificación funcional do territorio, creada co obxectivo de optimizar os investimentos públicos procedentes do LEADER.
As axudas están destinadas a:
1
Proxectos produtivos
Supoñen a realización dunha actividade económica, tendentes á produción de bens ou servizos e que implican a creación e/ou mantemento de emprego.
2
Proxectos non produtivos
Promovidos por entidades sen ánimo de lucro, entidades públicas locais, comunidades de montes veciñais en man común ou as súas mancomunidades, que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica.
Proxectos para cumprir obxectivos
Ademais da xestión das axudas LEADER, o GDR10 Limia-Arnoia impulsa ou participa en proxectos que responden aos obxectivos contidos na Estratexia de Desenvolvemento Local. O eixo da estratexia do GDR é a iniciativa Aterra. Un proxecto pioneiro, de aproveitamento de terras en desuso, para o impulso ou creación de proxectos agrogandeiros.
No ano 2023, da man da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, puxemos en marcha “A esencia da orixe”. Un evento co que dar valor ao sector agrario e gandeiro e aos produtos do rural. No mes de maio do ano 2025 apróbase o proxecto Ruralmente, que dá continuidade a “A esencia da orixe”, coa meta de potenciar produtos dos territorios participantes –no caso do GDR10, centraremos os nosos esforzos en incrementar a produción e o número de entidades produtoras dentro da IXP Pataca de Galicia– e favorecer o intercambio de coñecementos.
Entre outros proxectos, o GDR Limia-Arnoia tamén participa en Mixturando: Desenvolvemento de novas estratexias de valorización do bosque mixto atlántico en Asturias e Galicia. Facémolo xunto co GDR Terra e Auga, o GDR Camín Real de la Mesa (Asturias) e o Campus Terra da USC.
O turismo sostible, unha ferramenta máis
GDR10 traballa no desenvolvemento sostible do sector turístico das nosas comarcas, co obxectivo claro de valorizar e coidar o noso patrimonio natural e cultural.
Impulsamos a creación do Xeodestino A Limia, que ten como obxectivo converterse nun lugar referente para as persoas amantes da ornitoloxía e da natureza. Por outra parte, o Xeodestino Allariz-Maceda busca promover o territorio como destino cultural e sostible, destacando o seu patrimonio artístico, gastronómico e tradicional, e fomentando a preservación das artes e a conexión coas comunidades locais.