Proxectos GDR10 · Ruralmente

Ruralmente

Ruralmente fomenta a innovación, o coñecemento compartido e a valorización dos produtos agroalimentarios locais amparados baixo selos de calidade.

Descrición

Ruralmente é un proxecto colaborativo no que participa o GDR Limia-Arnoia xunto ao GDR Galicia Suroeste, que exerce de coordinador, e o GDR Valle del Ambroz de Cáceres.

O obxectivo principal de Ruralmente é fomentar a innovación, o coñecemento compartido e a valorización dos produtos agroalimentarios locais amparados baixo selos de calidade como as Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) e as Denominacións de Orixe Protexidas (DOP).

Este proxecto, financiado pola Unión Europea a través dos FEADER e enmarcado nas intervencións supra autonóimcas do Plan Nacional da PAC 2023-2027, desenvolverase durante aproximadamente 15 meses a partir de xuño de 2025, cun orzamento superior aos 200.000€.

Cada GDR participante centrará o seu traballo nun produto de referencia para o seu territorio. No noso caso, o foco estará posto na IXP Pataca de Galicia, co obxectivo de incrementar a produción e o número de identidades produtoras que se acollan a este selo. Galicia Suroeste traballará arredor da IXP Pan do Porriño e o GDR Valle del Ambroz sobre o Pimentón de la Vera e a súa aplicación en produtos derivados do porco ibérico.

As accións previstas inclúen xornadas técnicas, visitas, asesoramento e formación especializada, dirixidas a produtoras e produtores, persoas transformadoras e empresas elaboradoras, co fin de reforzar a competitividade do sector, a sostibilidade e a comercialización directa.

O proxecto tamén ten como obxectivos:

  • Reivindicar os produtos e a actividade produtiva dos territorios rurais.
  • Apoiar ás persoas que apostan por traballar e vivir no rural.
  • Impulsar a adhesión a selos de calidade como estratexia para asegurar a viabilidade das empresas locais e preservar os recursos endóxenos.

A esencia da Orixe: o evento de Ruralmente

No marco de Ruralmente, en decembro do ano 2023 organizouse a primeira edición de “A esencia da orixe”. Evento organizado polo GDR Galicia Suroeste, o GDR Limia-Arnoia, o Concello de Verea, a Ganadería Nogueira e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Unha xornada pensada para dar visibilidade aos produtos locais a través da gastronomía, a cultura e o patrimonio.

A Ganadería Nogueiras, anfitrioa do evento, é un exemplo de sostibilidade e produción responsable de carne de alta calidade. Durante a xornada, combináronse demostracións gastronómicas con produtos locais transformados no propio territorio e debates sobre a importancia da transparencia, a comercialización directa e a conexión entre produtoras e consumidoras.

A Esencia da Orixe converterase nun evento que se celebre periodicamente nos territorios dos GDR participantes e será parte importante das actividades previstas no desenvolvemento de Ruralmente. O obxectivo: contribuír á dinamización da economía rural e ao recoñecemento das persoas que traballan cada día para manter vivo o territorio.

Galería de imaxes

Vídeo