O forno da Granxa volve cheirar a pan no Concello de Bande

Programa: LEADER 23-27
Tipo: Non produtivo
Ano: 2023
Entidade: Pública
forno da granxa

Resumo do proxecto

Expediente: L-23-1920-10-0394
Promotor: Concello de Bande
Concello e lugar: Concello de Bande, Santiago, Cados, A Granxa
Puntuación: 54
Orzamento aceptado: 35.000 € €
Porcentaxe axuda: 72,22% %
Contía Axuda: 25.277 € €

Descrición

O Concello de Bande leva a cabo a recuperación do forno tradicional da Granxa, atendendo á demanda da veciñanza de conservar un elemento importante na arquitectura popular do lugar. 

O proxecto tivo como obxectivo principal rehabilitar este forno comunitario para garantir a súa conservación e permitir o seu uso en condicións axeitadas de seguridade e salubridade. Trátase dun elemento unido á vida cotiá da aldea, que recupera agora a súa funcionalidade en ocasións especiais como festividades, visitas turísticas ou o uso veciñal puntual.

A actuación consistiu na restauración integral do forno para adecuar as súas condicións para o seu uso. Leváronse a cabo intervencións orientadas a reforzar a súa estabilidade, recuperar os materiais tradicionais e asegurar unha correcta conservación, respectando a súa tipoloxía orixinal.

Esta recuperación permite devolverlle ao forno un papel que perdera co tempo integrándoo tamén como recurso de interese para visitantes. A súa apertura ao público, de forma gratuíta, facilita o acceso tanto á veciñanza como a persoas que se achegan á aldea.

Un forno que volve cheirar a pan

A rehabilitación do forno da Granxa responde á vontade de recuperar espazos que forman parte da memoria colectiva e que teñen un forte valor dentro da memoria da aldea. 

O forno está dispoñible para o seu uso por parte da veciñanza: cando existe demanda, coordínase a súa utilización de xeito que, a día de hoxe, funciona coma antigamente.

Ademais, este espazo utilízase en ocasións especiais, como festas populares. Deste xeito, sen querelo, coa súa recuperación tamén se contribúe a reforzar as celebracións e manter vivas as tradicións así como a transmisión de saberes. A apertura do forno tamén o converte nun atractivo para visitantes, que poden coñecer de preto un elemento representativo do rural. 

Deste xeito, a recuperación do forno da Granxa exemplifica como a conservación do patrimonio contribúe a xerar novas oportunidades e revalorizar espazos que se deixaron de lado nun momento do pasado. Un proxecto que devolve ao lugar un espazo útil e aínda vivo que aporta moito máis ca o recendo do pan recén feito.