Rehabilitación para aula tecnolóxica no Concello de Taboadela
Resumo do proxecto
Descrición
O Concello de Taboadela realizou a rehabilitación dunha edificación existente para a súa transformación nunha aula tecnolóxica multidisciplinar. Esta actuación axuda de xeito importante á modernización dos servizos municipais, na que se busca dotar aos seus habitantes de novos espazos onde realizar tarefas que requiren conexión a internet aproveitando espazos xa existentes.
O obxectivo principal do proxecto é crear un espazo funcional, versátil e accesible que permita desenvolver actividades formativas e tecnolóxicas. A actuación inclúe unha rehabilitación integral tanto exterior como interior respectando as directrices patrimoniais: substituíuse a tella existente por unha nova, mellorouse o illamento e realizáronse traballos de limpeza na fachada. Tamén se actuou nos baños, na instalación eléctrica e na dotación de mobiliario, garantindo así un equipamento completo e preparado para o seu uso.
Un espazo para aprender e innovar
A creación desta aula tecnolóxica responde á necesidade de achegar a innovación e o coñecemento de Internet a todas as poboacións, ofrecendo novas oportunidades de formación e desenvolvemento á veciñanza. A motivación do proxecto céntrase en facilitar o acceso ás ferramentas tecnolóxicas e fomentar o uso destes recursos.
O espazo está pensado para acoller actividades diversas, desde formación en competencias dixitais ata iniciativas educativas, culturais ou profesionais. A súa configuración aberta e flexible permite adaptarse a diferentes usos, converténdose nun recurso útil para persoas de todas as idades. Ademais, a aula tecnolóxica intégrase na rede de espazos públicos do municipio, reforzando a súa función como punto de encontro e dinamización social.