Mobilidade eléctrica no Concello de Bande
Resumo do proxecto
Descrición
Rut González González puxo en marcha un proxecto de mobilidade sostible no concello de Bande, apostando por unha forma innovadora e respectuosa de desprazarse a través de bicicletas eléctricas. O obxectivo principal é facilitar tanto á veciñanza como ás persoas visitantes percorrer a contorna de maneira cómoda e con perspectiva ecolóxica. Ao mesmo tempo, preténdese reforzar o atractivo turístico dunha zona con grande potencial, ligada ao patrimonio natural, termal e cultural.
A actuación inclúe a implantación dunha primeira flota de seis bicicletas eléctricas, acompañadas de dúas estacións de recarga. Estas estacións sitúanse en puntos estratéxicos, como a parroquia dos Baños e nas inmediacións do núcleo urbano de Bande.
Un dos elementos máis innovadores do proxecto é o sistema de alimentación das estacións, baseado en enerxía solar. Isto permite unha recarga completamente autónoma, sen necesidade de conexión á rede eléctrica convencional.
Descubrir o territorio dunha forma limpa e diferente
Este proxecto nace do vínculo persoal de Rut co territorio, xa que é natural da zona. A motivación principal é contribuír ao desenvolvemento local ofrecendo un servizo útil, moderno e adaptado ás novas demandas de mobilidade e turismo.
A proposta está dirixida tanto á veciñanza comoa turistas, especialmente aquelas interesadas en coñecer o entorno do Xurés, as rutas de sendeirismo ou os recursos culturais e termais da zona. As bicicletas eléctricas facilitan o acceso a estes espazos, permitindo percorridos máis amplos e accesibles para todo tipo de público.
O servizo compleméntase coa colaboración de establecementos locais, como casas de turismo rural, albergues, cafeterías ou restaurantes, que actúan como puntos de difusión e apoio.
Deste xeito, esta proposta de mobilidade eléctrica converte o territorio nun espazo máis accesible, conectado e sostible. Un proxecto que aposta polo respecto polo medio ambiente para ofrecer novas formas de descubrir Bande e a súa contorna.