Quesos Feijoo estrea bodega de maduración de queixos
Resumo do proxecto
Descrición
Quesos Feijoo é un proxecto familiar cunha traxectoria que se remonta a 1949, actualmente representado por Julio Alonso Feijóo, xunto cos seus pais e avós. Ao longo da súa historia, a queixería foi ampliando e diversificando a súa produción. Ata 2010/2012 elaboraba principalmente queixo de tetilla, de país e de barra, e a partir dese momento incorporou tamén queixos de mestura e variedades elaboradas con leite de ovella e cabra.
Co apoio da axuda LEADER, o proxecto permitiu modernizar unha antiga cámara frigorífica e convertela nunha bodega de maduración de queixos, equipada cun sistema de control automático da temperatura, humidade e ventilación. A actuación responde principalmente a unha necesidade de espazo, xa que a capacidade da antiga bodega limitaba o desenvolvemento da actividade.
Máis espazo para a maduración
A nova cámara permitirá mellorar as condicións de maduración e aumentar a capacidade produtiva, garantindo o control da temperatura, a humidade e a ventilación durante todo o proceso. Para unha queixería na que os produtos permanecen meses en maduración, contar con maior capacidade supón tamén poder xestionar mellor os recursos económicos.
A produción de queixo implica manter unha parte importante do diñeiro da empresa inmobilizado durante o tempo que dura a maduración, mentres o leite debe pagarse a final de mes. Neste contexto, Julio explica que a axuda LEADER, aínda que supón unha parte do investimento total, achega tranquilidade á hora de afrontar a actuación.
Unha mellora que permite seguir modernizando unha actividade familiar con décadas de traxectoria e afrontar as necesidades de espazo dunha queixería que foi ampliando a súa variedade de produtos ao longo dos anos.