Forza, saúde e comunidade: un proxecto deportivo en Allariz
Resumo do proxecto
Descrición
As Bestas Rural Box nace coa reforma dunha nave e a dotación do equipamento necesario para poñer en marcha un espazo dedicado ao adestramento funcional, CrossTraining e adestramento de forza. Álvaro Palomares Silva, Marta Romero Saco e Raquel Romero Saco puxeron en marcha As Bestas Rural Box, un proxecto familiar situado en Allariz que nace coa intención de volver ao rural e contribuír a que as pequenas vilas conten con novos servizos para a súa cidadanía. A iniciativa combina deporte e saúde cunha forma de vida ligada ao rural, ofrecendo un espazo de adestramento funcional e CrossTraining.
O proxecto parte dunha idea diferente á dun ximnasio convencional. As Bestas Rural Box aposta por un adestramento accesible e adaptado ás características de cada persoa, con grupos reducidos, acompañamento e dinámicas que tamén favorecen a relación entre as persoas. O obxectivo é traballar a forza como unha capacidade fundamental para afrontar o día a día e manter a funcionalidade ao longo da vida.
O deporte como forma de crear comunidade no rural
A iniciativa atrae principalmente persoas de Allariz e da súa contorna, aínda que tamén conta con usuarios de diferentes puntos da comarca da Limia e de Ourense. Entre os aspectos que máis valoran destacan a cercanía, o trato persoal e o acompañamento durante os adestramentos. Para os seus promotores, o espazo tamén funciona como un lugar de encontro no que facer actividade física e crear relacións.
A elección de Allariz responde tanto a unha motivación persoal como á oportunidade de cubrir unha necesidade existente, ao non contar a zona con este servizo. A súa proposta parte da convicción de que dotar de servizos as pequenas vilas pode contribuír a que a xente quede ou volva ao rural, creando contornas nas que sexa posible vivir con comunidade, actividade e servizos.
A axuda LEADER supuxo tamén un apoio importante para consolidar o proxecto. Ao tratarse dunha iniciativa impulsada por persoas novas que tiveron que recorrer ao crédito para realizar o investimento, contar cunha parte da inversión subvencionada permitiulles reducir parte desa carga e dispoñer dunha base para continuar desenvolvendo o proxecto.