Xinzo de Limia acollerá os días 25, 26 e 27 de marzo de 2026 unha nova edición das xornadas Ruralmente, unha iniciativa centrada no intercambio de coñecemento, a valorización dos produtos agroalimentarios e a dinamización do territorio rural.
Baixo o título Ruralmente. Pataca de Galicia, as xornadas desenvolveranse na Casa da Brea, en Piñeira Seca, cun programa que combina actividades formativas, encontros profesionais, visitas ao territorio e propostas culturais abertas ao público.
O evento, impulsado polo GDR Limia Arnoia, reunirá a especialistas, investigadores, produtores e entidades do ámbito rural co obxectivo de reflexionar sobre o papel dos produtos de calidade e das indicacións xeográficas na economía rural, así como sobre os retos de futuro do sector agroalimentario e análise da comarca.

Tres días de encontros, coñecemento e cultura arredor da pataca
As xornadas desenvolveranse ao longo de tres días, cun programa diverso que combina formación técnica, divulgación e actividades culturais e que está organizado coa colaboración da IXP pataca de Galicia.
O 25 de marzo comezará coa apertura do espazo e cunha sesión da Escola de Sarreaus centrada na alimentación saudable e de proximidade. Ao longo da mañá celebrarase a ponencia A transformación da pataca e unha visita á empresa Patatas Guais. Pola tarde terá lugar a apertura dunha exposición fotográfica e unha visita á aldea de Piñeira Seca.
O 26 de marzo, é o día destinado a produtores de pataca baixo IXP. Abordaranse cuestións relacionadas coa calidade e promoción dos produtos agroalimentarios. Destaca a conferencia A importancia das IXP así como unha sesión sobre comunicación dixital en marcas de calidade. A xornada incluirá tamén a apertura institucional do evento, intervencións dos grupos de desenvolvemento rural participantes, unha homenaxe a Pepe da Droguería e actividades culturais coa Agrupación Musical de Xinzo de Limia e Xoucukin, con Iván Méndez e Gerson Iglesias e o grupo musical ELO.
O 27 de marzo, aberto ao público en xeral, pola mañá centrarase na análise do territorio da Limia desde diferentes perspectivas. A programación inclúe unha charla sobre arquitectura tradicional galega, a evolución da paisaxe da Limia e a presentación un estudo económico sobre a economía pataqueira da Limia realizado pola Universidade de Santiago de Compostela.
A xornada de tarde, concluirá coa entrega dos Premios Semente, Xoucukin, con Iván Méndez e Gerson Iglesias, e un concerto final a cargo do cuarteto Caramuxo.
Para participar, irase ampliando información nos vindeiros días.
Ruralmente: cooperación entre territorios para impulsar os produtos de calidade
Ruralmente forma parte dun proxecto de intercambio de coñecemento e actividades formativas dirixidas ao sector agroalimentario e forestal, que busca promover modelos de promoción capaces de reforzar a adhesión ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas en territorios rurais estratéxicos.
A iniciativa está impulsada por unha agrupación formada por tres grupos de desenvolvemento rural: GDR Galicia Suroeste Eurural, GDR Limia‑Arnoia e a Asociación para o Desenvolvemento Integral do Valle de Ambroz.
O proxecto conta cun orzamento total de 207.241,56 euros e está financiado no marco das axudas para actividades de intercambio de coñecemento e formación do Plan Estratéxico da PAC 2023‑2027, promovidas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e cofinanciadas pola Unión Europea.
A través destas accións, Ruralmente busca fomentar o intercambio de experiencias entre territorios, impulsar a innovación no medio rural e reforzar o papel dos produtos agroalimentarios como motores de desenvolvemento económico e social.


