Hai poucos meses que desde o GDR Limia-Arnoia impulsamos a creación do Xeodestino A Limia. Fixémolo cun obxectivo claro: poñer en valor o seu patrimonio natural e, sobre todo, ornitolóxico. O seu territorio abrangue os concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, A Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras e Xinzo de Limia e conta cunha notable diversidade de hábitats que acollen unha gran variedade de especies de aves ao longo do ano.
A Limia é unha zona que destaca como un dos mellores enclaves de Galicia para a observación de aves, grazas á súa combinación de zonas húmidas, campos e montañas. As Areeiras da Limia son un dos principais puntos de interese, cun conxunto de lagoas interconectadas por camiños accesibles tanto a pé como en bicicleta, ideais para gozar dun avistamento respectuoso coa natureza. Ademais, no Concello de Sandiás pódese atopar a Casa da Lagoa de Antela, que funciona como centro de interpretación, onde os visitantes poden obter información detallada sobre os espazos protexidos e os itinerarios recomendados.
Outros puntos destacados para a ornitoloxía son a Veiga de Ponteliñares, que se sitúa nos concellos de Rairiz de Veiga e A Porqueira, que forma parte da Reserva de Biosfera Área de Allariz e a Serra do Larouco en Baltar, onde se poden atopar aves de maior altitude. Estes espazos ofrecen a posibilidade de descubrir a biodiversidade da comarca e gozar dun turismo sostible ligado á conversa do medio rural.
A Guía de aves da Limia, dispoñible en xeodestinoalimia.gal
A páxina web do Xeodestino A Limia contén unha guía de aves, que se atopa en ampliación, que recolle información sobre as especies máis comúns, nas que figura unha ficha con fotografías, o nome científico, a súa alimentación, unha pequena descrición física da ave, como se atopa a súa poboación na Limia e cal é o seu hábitat natural. Ademais, nalgúns casos, pódese atopar un audio que axuda a recoñecer o seu canto.
Cada ficha inclúe información adicional sobre os patróns migratorios e peculiaridades do comportamento da ave en época de cría ou o estilo de voo.
Hai que ter en conta que na Limia conviven especies residentes e habituais con migratorias e en perigo de extinción, o que ofrece unha experiencia única en cada visita. Entre as especies máis destacadas atopamos o gabeador azul, o picapeixe común, a cegoña branca, o paspallás, a tartaraña cincenta ou a andoriña das barreiras. As areeiras tamén atraen aves acuáticas como o lavanco real ou a cerceta.
É unha ferramenta moi útil que axuda a identificación e tamén serve para planificar as saídas e aproveitar ao máximo a visita.
A páxina de Turismo da Xunta de Galicia ten deseñadas tres rutas diferentes polo territorio do Xeodestino para facer o avistamento de aves: Ruta Riparia (para facer en coche, de abril a xuño pero tamén en setembro), Ruta Podiceps (para facer andando ou en bicicleta, de últimos de abril a mediados de xuño) e a Ruta Milvus (para facer en coche, de últimos de abril a mediados de xuño e tamén en setembro). Aquí pódense atopar mapas con indicacións dos puntos clave e diferentes especies que se poden observar. Tamén incorpora recomendacións sobre o equipamento para o avistamento e normas de comportamento para minimizar o impacto sobre as aves e os seus hábitats.
O patrimonio natural e histórico
Ademais da súa riqueza ornitolóxica, o Xeodestino A Limia conta cun valioso patrimonio histórico e natural, tamén transformada en guía na súa web e serve como recurso esencial para coñecer os tesouros históricos da comarca. A guía proporciona información detallada sobre diversos puntos de interese, cada un cunha historia e singularidade propias que enriquecen o entorno da Limia.
Este territorio foi testemuña de diferentes momentos históricos que deixaron a súa pegada na zona, como a antiga Lagoa de Antela, un ecosistema de gran importancia que foi desecado nos anos sesenta do século pasado, transformando por completo a paisaxe e a economía local. Hoxe en día, espazos como a Casa da Lagoa, permiten achegarse a este pasado e comprender o impacto ambiental e social que tivo a súa desaparición.
Dentro dos elementos máis destacables podemos falar das tres torres da Limia (A Forxa, da Pena e de Sandiás), vestixios das antigas fortificacións que protexían a planicie da Limia na época medieval de invasores e conflitos fronteirizos. Estas estruturas son testemuña do papel estratéxico da Limia ao longo da historia e hoxe en día gardan un gran valor patrimonial.
Por outro lado, podemos comentar a Aira dos Canastros de Porqueira, que mostra un conxunto de hórreos como representación das construcións tradicionais da zona e que reflicten a prática agraria. Non podemos esquecer os espazos naturais como o río Limia, o miradoiro de Celme ou fervenzas como a do río Fírbeda.