A convocatoria de axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas ao abeiro da intervención Leader, no marco do PEPAC 2023-2027 foi publicada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (pertencente á Consellería de Medio Rural) no día de hoxe, 2 de febreiro, no DOG.
Esta liña de axudas terá previsiblemente un fondo impacto positivo no entorno, ao contar cun orzamento de 1.352.166,54 € para o territorio do GDR Limia-Arnoia e de 28.750.000 € a nivel global.
Quen pode solicitar as axudas LEADER?
Poderán ser beneficiarias as persoas físicas e xurídicas, as entidades sen ánimos de lucro, entidades públicas locais, as comunidades de montes en man común, así como as súas mancomunidades con iniciativas que supoñan a posta en marcha de proxectos produtivos xeradores de emprego e de proxectos non produtivos que beneficien ao conxunto da poboación en xeral.
As iniciativas deberán estar emprazadas no ámbito territorial do GDR Limia-Arnoia, cumprir a normativa sectorial, ser finalistas e non ter comezado a inversión. Os importes máximos son do 50% do investimento (cun límite de 100.000€ de axuda) para proxectos produtivos e de ata o 90% do investimento (cun límite de 30.000€) para proxectos non produtivos.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes é de dous meses a contar dende a data da publicación no Diario Oficial de Galicia, finalizando o 6 de abril.
As persoas ou entidades promotoras teñen de 2026 a 2028 para realizar o seu proxecto e as inversións correspondentes. En concreto, exíxese que se execute un 10 % do orzamento antes de rematar 2026, un 40 % antes do 1 de xullo de 2027 e o 50 % restante antes do 15 de setembro de 2028.
Tipoloxía de accións subvencionables
- Creación, modernización ou ampliación de empresas que desenvolvan actividades non agrarias.
- Proxectos de produción agraria primaria, transformación e comercialización de produtos agrarios e transformación e comercialización de produtos forestais que cumpran certos requisitos.
- Bono activa rural.
- Proxectos non produtivos.
Para calquera dúbida, pódense consultar as bases no seguinte botón:
Xuntanzas informativas do GDR Limia-Arnoia
O GDR Limia-Arnoia levará a cabo xuntanzas nas próximas semanas por áreas do territorio, para achegar información máis detallada e aclarar posible dúbidas. Adicionalmente, conta con oficinas en Allariz, Xinzo de Limia e Celanova e a dirección de correo electrónico info@limia-arnoia.gal para a atención a todas aquelas persoas que teñan en mente a posta en marcha dun proxecto no rural.
As datas son:
- Maceda: 5 de febreiro ás 12:30 no Salón de Actos do concello.
- Xinzo de Limia: 9 de febreiro ás 12:30 no Salón de Plenos do concello.
- Celanova: 11 de febreiro ás 12:30 no Salón de Plenos do concello.
- Bande: 20 de febreiro ás 12:30 no Salón de Actos do concello.
- Muíños: 23 de febreiro ás 12:30 na Casa da Cultura.
- Allariz: 25 de febreiro ás 12:30 no Salón de Plenos do concello.


