Este mércores 30 de abril, publicáronse no Diario Oficial de Galicia, as bases reguladoras da convocatoria das axudas LEADER para este ano 2025.
O programa LEADER, política da Unión Europea que ten como obxectivo o desenvolvemento das áreas rurais dos países membros, busca a participación da poboación do territorio e a integración de todos os recursos e actores económicos e humanos. Somos os grupos de desenvolvemento rural os encargados de asegurar a participación da sociedade nas comarcas e concellos nos que traballamos.
As axudas LEADER están destinadas a diferentes tipos de entidades:
- Proxectos produtivos: proxectos que supoñen a realización dunha actividade económica, tendentes á produción de bens ou servizos e que supoñen unha creación e/ou mantemento de emprego.
- Proxectos non produtivos: proxectos promovidos por entidades sen ánimo de lucro, entidades públicas locais, comunidades de montes veciñais en man común ou as súas mancomunidades, que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica.
A continuación, podedes acceder a unha páxina na que están dispoñibles as bases reguladoras aprobadas pola Xunta de Galicia e o baremo que dita como seleccionamos os proxectos que van ser subvencionados. Nesta páxina tamén estarán dispoñibles o formulario de solicitude e a ligazón á Sede electrónica da Xunta para a presentación das mesmas.
Por último, atoparedes información de contacto para a resolución de todas as dúbidas.
O prazo para a presentación de solicitudes de axuda é de 1 mes desde hoxe; pódense presentar solicitudes ata o vindeiro 30 de maio.