Novas · Claves da nova convocatoria de axudas Leader no territorio do GDR Limia-Arnoia

Claves da nova convocatoria de axudas Leader no territorio do GDR Limia-Arnoia

A nova convocatoria das axudas LEADER, cuxo prazo para presentar solicitudes remata o día 6 de abril, introduce algúns matices relevantes respecto a anualidades anteriores e mantén o obxectivo central do programa: impulsar proxectos que xeren emprego, diversifiquen a economía rural e melloren a calidade de vida da poboación. Do orzamento dispoñible, o GDR Limia-Arnoia dispón de 1.325.166,54€.

Tipoloxía de proxectos

As axudas estrutúranse nas mesmas categorías que nas convocatorias anteriores:

Proxectos produtivos

Son aqueles que xeran actividade económica e emprego. Por exemplo, aqueles que consisten na creación, modernización ou ampliación de empresas non agrarias; os proxectos de produción agraria primaria (con determinados requisitos), para a transformación e comercialización de produtos agrarios (ata 60.000€ de investimento elexible); para a transformación e comercialización de produtos forestais (con condicións específicas para comunidades de montes) ou o Bono Activa Rural (ata 18.000€ para novas actividades non agrarias como autónomo ou autónoma). A intensidade da axuda pode acadar ata o 50% do investimento, cun límite máximo de 100.000€.

Proxectos non produtivos (públicos e privados)

Son iniciativas que non xeran actividade económica directa, pero si impacto social ou comunitario, por exemplo serían aqueles levados a cabo por concellos, comunidades de montes, asociacións… Poden recibir ata o 90% do investimento, cun límite de 30.000€. Selecciónanse por prioridade e logo por puntuación de baremo.

Baremo e concorrencia competitiva

As solicitudes tramítanse en réxime de concorrencia competitiva, o que significa que non se conceden por orde de chegada. Avalíanse segundo o baremos de puntuación e compiten entre si ata esgotar o orzamento dispoñible.

O baremo para os proxectos produtivos ten en conta a situación xeográfica, a incidencia ambiental, as características da entidade ou persoa promotora, a incidencia no emprego e o impacto sobre o territorio.

Para proxectos non produtivos, ademais da prioridade, relacionada cos servizos á cidadanía, tamén se ten en conta a situación xeográfica, as características da entidade promotora (diferenzas entre proxecto público e privado), a incidencia ambiental e o impacto sobre o territorio (diferenzas entre proxecto público e privado).

Isto implica que é fundamental presentar proxectos ben definidos, viables e aliñados coa estratexia do GDR.

Zonas e limitacións sectoriais

O territorio do GDR Limia-Arnoia é amplo e diverso, polo que a Estratexia de Desenvolvemento Local establece tres zonas diferenciadas, cada unha delas con obxectivos específicos. Isto significa que, na baremación dos proxectos produtivos, poderán obter ata 20 puntos adicionais aqueles que respondan ás prioridades definidas para cada zona.

  • Zona 1 – Baixa Limia/Xurés: priorízanse proxectos que teñan que ver coa posta en valor dos recursos do parque (naturais) dende unha visión produtiva e xeradora de emprego.
  • Zona 2 – A Limia: foco en iniciativas relacionadas co sector agrogandeiro e a transformación agroalimentaria.
  • Zona 3 – Terras de Celanova e Allariz-Maceda: apoio a proxectos de turismo, comercio e servizos á poboación.

Ademais disto, a convocatoria establece determinadas limitacións en función do sector e da localización, como por exemplo as restricións específicas en turismo (segundo convenio AGADER), as limitacións en proxectos de enerxías renovables (excluídos os destinados para venda á rede), as condicións específicas para comercio e servizos segundo o tamaño da entidade singular de poboación e as exclusións concretas en determinados tipos de infraestruturas.

Dende o GDR revísase cada caso individualmente, xa que a viabilidade pode depender do núcleo de poboación e da actividade concreta.

Aspectos clave desta convocatoria

O prazo para presentar solicitudes finaliza o 6 de abril. Os prazos de execución e xustificación serán de dous anos, ata o 2028.

Non se poden iniciar os cambios antes de presentar a solicitude. Calquera investimento previo deixaría o proxecto fóra da axuda.

Para calquera dúbida podedes poñervos en contacto coas nosas oficinas.

Máis artigos sobre Novas

Programación Ruralmente: que imos facer?

O proxecto Ruralmente continúa a súa programación cunha serie de xornadas dedicadas á pataca de Galicia, un produto clave para a economía e a identidade agraria da comarca da Limia. As actividades desenvolveranse os días 25, 26 e 27 de