No marco do proxecto Mixturando, seguimos reforzando as oportunidades de formación para todas aquelas persoas interesadas na xestión sostible do monte e na prevención de incendios. Un dos aliados clave neste camiño é o grupo PROePLA da Universidade de Santiago de Compostela, entidade colaboradora do proxecto e referencia na formación forestal e ambiental.
A través da súa plataforma formativa, PROePLA pon á disposición do público unha serie de cursos online que permiten adquirir coñecementos actualizados sobre o bosque mixto, a súa xestión e os desafíos ambientais asociados. Estas formacións están pensadas tanto para profesionais do sector como para persoas do rural que queiran mellorar as súas competencias.
Formación con aval universitario
Entre as opcións dispoñibles destaca o curso de Modelos Técnico-Económicos Agrarios en el contexto del bosque atlántico, dunha duración de 100 horas, co que é posible obter unha microcredencial universitaria da USC, un recoñecemento oficial que acredita a adquisición de competencias nun ámbito cada vez máis demandado.
Como participar?
As persoas interesadas poden inscribirse directamente na plataforma: cursos.proepla.com
Ou, se precisan máis información, contactar co equipo de formación de Mixturando a través do correo: formacion.mixturando@proepla.com
Con iniciativas coma esta, Mixturando continúa avanzando na profesionalización do sector, na transferencia de coñecemento e na construción dun monte máis sostible, diverso e resiliente para o futuro.
Mixturando é un proxecto que está financiado pola Fundación Biodiversidad e dende o GDR Limia-Arnoia participamos nel xunto co GDR Terra e Auga, GDR Camín Real de la Mesa (Asturias) e a Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo principal é promover unha xestión forestal sostible que contribúa á preservación da biodiversidade e ao desenvolvemento socioeconómico das comunidades locais.


