Novas · Espazos Efémeros chega a Asturias con “Artesanía Viva”, unha nova acción para poñer en valor a creatividade e o talento do rural

Espazos Efémeros chega a Asturias con “Artesanía Viva”, unha nova acción para poñer en valor a creatividade e o talento do rural

O proxecto de cooperación Espazos Efémeros, no que participa o GDR10 Limia-Arnoia xunto cos GDR Galicia Suroeste Eurural (coordinador), GDR Oriente de Asturias e a Associação para o Desenvolvimento Sustentável da Região Saloia (Portugal), dá un novo paso no seu percorrido e continúa expandindo a súa rede creativa polo territorio rural da península.

Tras a excelente acollida do primeiro espazo efémero celebrado en Gondomar, o proxecto chega agora a Asturias cunha proposta moi especial: Artesanía Viva, unha instalación artística participativa que terá lugar este sábado 13 de decembro na Benéfica L’Infiestu (Piloña).

Un encontro único para achegarse á creación artesanal

Artesanía Viva reunirá a 15 artesás e artesáns que traballarán en directo, permitindo ao público descubrir de primeira man os procesos creativos, as técnicas, o coidado da materia e o ritmo que se agocha detrás de cada peza. Non se trata dun mercado nin dun espazo de venda, senón dunha oportunidade para conectar coa esencia da artesanía contemporánea e coa identidade cultural do territorio.

O programa inclúe activacións especiais ás 12:30 h e ás 17:30 h, convertendo a xornada nun espazo vivo, dinámico e de encontro entre profesionais, comunidade local e visitantes. A entrada é libre e poderase acceder de 12 h a 18 h.

Un proxecto de cooperación que conecta territorios

Espazos Efémeros é unha iniciativa de cooperación transnacional financiada a través do programa Cooperación Leader – PEPAC 2023–2027, co apoio do FEADER, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, da Xunta de Galicia e do Principado de Asturias.

O seu obxectivo é explorar novos modelos de activación cultural e comercial no rural mediante a creación de espazos temporais, sostibles e con forte identidade local. A través deles, promóvese o talento creativo, o emprendemento emerxente, a artesanía e o comercio de proximidade.

Para reforzar a difusión da iniciativa, os grupos participantes elaboramos un spot promocional oficial, que xa se pode ver aquí: https://www.youtube.com/shorts/pigoqHmQXRQ

Dende o GDR10 Limia-Arnoia, como entidade colaboradora, celebramos que Espazos Efémeros continúe avanzando e consolidándose como unha rede que une Galicia, Asturias e Portugal a través da creatividade, a cultura e o emprendemento rural.

Máis artigos sobre Novas

V Congreso Muller Rural

O GDR10 suma voz e experiencia no V Congreso da Muller Rural

O pasado 28 de novembro tivo lugar en Lugo o V Congreso da Muller Rural, un encontro de referencia que reuniu a expertas, investigadoras, emprendedoras, representantes institucionais e entidades ligadas ao territorio para reflexionar sobre o papel fundamental das mulleres