O vindeiro 8 de novembro, o concello de Lobios acollerá unha nova xornada formativa do proxecto Mixturando, centrada na importancia da xestión do bosque mixto como elemento clave na prevención e control dos incendios forestais. O encontro terá lugar na Sala Multiusos de Lobios, e reunirá a profesionais e especialistas do sector forestal e ambiental.
O programa da xornada
A sesión será inaugurada ás 10 horas pola xerente do GDR Limia-Arnoia, Eva González, e pola presidenta de APEAGA, Iria Villar, quenes darán paso a unha completa programación de relatorios e mesas de traballo.
Durante a mañá, Manuel Marey, doutor enxeñeiro de montes e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, falará sobre os incendios forestais actuais e de futuro, ofrecendo unha visión científica e realista dos retos que afrontan os montes galegos. A continuación, Cristina Fernández Filgueira, investigadora do Instituto CSIC–Misión Biolóxica de Galicia, centrará a súa intervención na rexeneración do solo tras os incendios, explicando os procesos naturais e as prácticas necesarias para recuperar o equilibrio ecolóxico.
A tarde estará dedicada aos modelos de aproveitamento do monte, de novo coa participación de Manuel Marey, e á presentación dos modelos implementados no Parque Natural do Xurés, a cargo de Xaime O. Iglesias, enxeñeiro técnico forestal.
Para participar na xornada podes facelo premendo nesta ligazón e cubrindo os campos requeridos: bit.ly/mixturando-prevencionincendios
Mixturando
Esta xornada de traballo e aprendizaxe insírese no obxectivo xeral de Mixturando, un proxecto de cooperación liderado polo GDR Limia-Arnoia que promove a recuperación e xestión sostible do monte mixto atlántico en 25 municipios das comarcas da Limia, Baixa Limia e Allariz-Maceda. O seu propósito é restaurar o equilibrio ecolóxico dos bosques, favorecer a biodiversidade e poñer en valor o papel do monte como recurso económico, social e ambiental.
Con actividades formativas coma esta, Mixturando segue avanzando na creación dun modelo de xestión forestal sostible, baseado na cooperación, na innovación e no coñecemento compartido.