O pasado sábado día 8 novembro, o salón multiusos de Lobios acollou unha nova xornada formativa do proxecto Mixturando, baixo o título “O bosque mixto e os incendios”, na que participaron máis de trinta profesionais da educación agraria, representantes municipais e responsables de comunidades de montes de toda Galicia.
A actividade, organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia—entidade coordinadora do proxecto Mixturando— en colaboración coa Asociación de Profesores de Educación Agraria de Galicia (Apeaga), busca achegar coñecemento técnico e científico sobre o papel que xogan os bosques mixtos na prevención e mitigación dos incendios forestais, así como promover unha xestión sostible que combine conservación, produción e desenvolvemento rural.
Un programa para comprender os incendios e reconstruír o monte
A xornada abriuse ás 10:00 horas coa intervención de Eva González, xerente do GDR Limia-Arnoia, e Iria Villar, presidenta de Apeaga, que deron a benvida aos asistentes e presentaron o marco de colaboración entre ambas entidades para fomentar a formación ambiental e forestal no ámbito educativo e profesional.
A continuación foi a quenda do doutor enxeñeiro de montes Manuel Marey, investigador principal do grupo PROePLA da Universidade de Santiago de Compostela, que ofreceu a conferencia “Os incendios forestais actuais e de futuro”. Durante a súa intervención, o experto analizou a evolución dos lumes en Galicia e no norte da Península, as causas estruturais do seu incremento e o papel da planificación forestal como ferramenta de prevención.
Cristina Fernández Filgueira, investigadora do Instituto CSIC – Misión Biolóxica de Galicia, impartiu a ponencia “A rexeneración do solo tras os incendios”, centrada na recuperación da fertilidade e biodiversidade dos solos queimados e na importancia das especies autóctonas para estabilizar o territorio e mellorar o ciclo da auga.
Tras unha pausa para xantar, a sesión retomarase ás 15:30 horas cunha exposición de Manuel Marey sobre “Modelos de aproveitamento do monte”, onde se presentarán exemplos de boas prácticas de xestión sostible baseadas na multifuncionalidade do bosque mixto e os modelos implementados baixo o proxecto Mixturando.
Por último, ás 17:00 horas, Xaime O. Iglesias, enxeñeiro técnico forestal, explicou o proxecto Mixturando en detalle co seu relatorio “Modelos implementados no Parque Natural do Xurés”. Este é un dos escenarios onde Mixturando está a desenvolver accións de restauración forestal, rexeneración de pastos e aproveitamento apícola e madeireiro compatible coa conservación ambiental.

Formación, ciencia e territorio
A xornada pretendeu ser un espazo de aprendizaxe e intercambio de experiencias entre profesorado, técnicos e representantes institucionais, cun obxectivo común: entender os incendios forestais dende unha perspectiva integral e apostar pola xestión activa do monte como ferramenta de resiliencia fronte ao cambio climático.
Segundo sinala Eva González, xerente do GDR Limia-Arnoia, “a mellor defensa contra os lumes e manter a poboación activa no rural, vinculada á actividade gandeira en extensivo e á posta en valor do bosque mixto”.
Un proxecto con visión atlántica
Mixturando é un proxecto coordinado polo GDR Limia-Arnoia, en colaboración cos GDR Terra e Auga e Camín Real de la Mesa e co grupo de investigación PROePLA da USC. Financiado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), conta co apoio da Unión Europea – NextGenerationEU.
O proxecto desenvolve 18 modelos de xestión sostible do bosque mixto atlántico en Galicia e Asturies, con accións centradas na recuperación de frondosas autóctonas, a gandaría extensiva, a apicultura e o aproveitamento agroforestal.


