Novas · Novas axudas para a incorporación de persoas mozas á agricultura e a modernización de explotacións agrarias

Novas axudas para a incorporación de persoas mozas á agricultura e a modernización de explotacións agrarias

A Consellería do Medio Rural publicou o 9 de marzo no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de axudas destinadas á incorporación de persoas agricultoras mozas e á modernización de explotacións agrarias, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027.

Estas axudas teñen como obxectivo favorecer o relevo xeracional no sector agrario, impulsar a creación de novas explotacións e mellorar a competitividade das xa existentes.

A quen van dirixidas

A convocatoria está principalmente dirixida a persoas mozas entre 18 e 40 anos que se instalen por primeira vez como titulares dunha explotación agraria e que cumpran os requisitos de capacitación e viabilidade do proxecto empresarial. Tamén contempla axudas para investimentos de modernización ou mellora das explotacións agrarias, vinculadas á instalación destas persoas mozas no sector.

Contía das axudas

A convocatoria ten dúas liñas principais de apoio: a incorporación de persoas agricultoras mozas e os investimentos para a modernización ou mellora das explotacións.

Para a incorporación de persoas agricultoras mozas a axuda base é de 30.000 euros. Pode incrementarse ata 70.000 euros segundo determinados criterios como ser muller, localizarse en zonas con limitacións naturais ou na Rede Natura 2000, explotación ecolóxica ou titularidade compartida da explotación.

Para o investimento para a modernización ou mellora da explotación a axuda é do 30% dos custos elixibles, que pode incrementarse ata un máximo do 65% ou ter un límite de 75.000 euros por UTA (Unidade de Traballo Agrario) e ata 250.000 euros por persoa beneficiaria.

Estas achegas poden destinarse, entre outras actuacións, á adquisición de maquinaria, construción ou mellora da instalación agraria, implantación de cultivos ou investimentos que melloren a eficiencia e competitividade das explotacións.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar solicitudes será dun mes contado dende o día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta fíxose o día 9 de marzo.

As solicitudes deberán realizarse por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Consulta as bases no seguinte botón:

Impulso ao relevo xeracional no rural

Con esta convocatoria, a Xunta busca facilitar a incorporación de novas xeracións ao sector agrario e apoiar a modernización das explotación, contribuíndo así á sustentabilidade económica e social do rural galego.

Máis artigos sobre Novas