Novas · O GDR Limia-Arnoia abre a segunda convocatoria para o arrendamento de parcelas na Finca Antela

O GDR Limia-Arnoia abre a segunda convocatoria para o arrendamento de parcelas na Finca Antela

Dende o GDR Limia-Arnoia, vimos de publicar as bases da segunda convocatoria para o arrendamento da superficie restante cultivable da Finca Antela, propiedade da Deputación de Ourense e cedida ao GDR para o desenvolvemento do proxecto “Aterra”, por servir como ferramenta para a posta en valor e defensa do medio rural como creador de riqueza e benestar.

Requisitos de participación

  • Persoas físicas ou xurídicas que sexan agricultoras profesionais.
  • Agricultores ou agricultoras de nova incorporación que se comprometan a darse de alta en actividade agraria nun prazo máximo de 12 meses contados a partir da data da sinatura do contrato de arrendamento.
  • Estar ao día coas obrigas tributarias (coa AEAT e coa ATRIGA) e coa Seguridade Social.

Principais condicións do arrendamento

  • Prezo: 300€/Ha ao ano (IVE incluído). O primeiro ano estarán exentos os agricultores ou agricultoras de nova incorporación ou que se desen de alta nos 12 meses previos á publicación das bases.
  • Duración: contratos de ata 5 anos con posibilidade de prórroga de 3 anos, o que faría un total de 8 anos de concesión.
  • Cultivos: todos deberán estar certificados en ecolóxico polo CREAGA.
  • Plan de cultivo: obrigatorio presentar un plan detallado para os cinco anos de concesión.
  • Rotación de cultivo: para a pataca, 3 anos; resto de cultivos, 2 anos.

Cada persoa poderá presentar unicamente unha solicitude e en principio, só poderá optar á concesión dunha soa parcela.

Criterios de prioridade

  • Solicitantes: 40%. Terán máis puntos as persoas agricultoras de nova incorporación, mulleres, cooperativas e quen teña a explotación dentro do territorio do GDR10 ou da antiga Lagoa de Antela.
  • Tipos de cultivos: 60%. Puntuarán máis os cultivos de horta, cereais autóctonos e cultivos mellorantes do solo. Todos os cultivos deben estar certificados en ecolóxico polo CREAGA.

Prazos e solicitude

O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días naturais dende o día seguinte á publicación do presente documento no BOP de Ourense. Dita publicación realizouse o día 9 de setembro do 2025.

A solicitude deberá facerse dende a web de Aterra (aterra.gal) cubrindo o formulario e enviando a documentación indicada por correo electrónico a info@aterra.gal e entenderase por rexistrado cando o GDR envíe un correo electrónico coa mensaxe “Recibido. O seu número de rexistro é …”.

Na seguinte ligazón á páxina de Aterra están dispoñibles as bases coas indicacións necesarias sobre qué documentación hai que engadir e os anexos que debes presentar: https://aterra.gal/demanda.html

Aterra, unha aposta pola recuperación de terras e o futuro do rural

Esta acción enmárcase no proxecto Aterra, impulsado polo GDR Limia-Arnoia dende o ano 2022 e que busca recuperar terras en desuso e poñelas a disposición de explotacións agrogandeiras. O obxectivo é promover unha agricultura sostible e crear novas oportunidades para o relevo xeracional no campo galego.

No caso da Finca Antela, a iniciativa busca devolver a actividade produtiva a unha zona cun alto valor agrícola e histórico, aproveitando os seus recursos de maneira respectuosa co medio e co tecido social e económico da comarca.

Máis artigos sobre Novas

Taboadela acolle a presentación do Xeodestino das Artes

Este sábado 4 de outubro, a Rectoral de Taboadela acollerá unha xornada moi especial que marcará a presentación oficial do Xeodestino Allariz-Maceda, tamén coñecido como Xeodestino das Artes. Será un encontro pensado para achegar a cultura á veciñanza, combinar tradición