Novas · O GDR Limia-Arnoia intervén no Europa Forum 2025 para fortalecer as redes de cooperación rural en Europa

O GDR Limia-Arnoia intervén no Europa Forum 2025 para fortalecer as redes de cooperación rural en Europa

O GDR Limia-Arnoia participa esta semana no Europa Forum 2025, un evento internacional que se celebra en Ponte de Lima (Portugal) entre os días 26 e 28 de xuño, organizado pola entidade portuguesa ADRIL (Associação de Desenvolvimento Rural Integrado do Lima).

A asistencia do noso GDR enmárcase no contexto do enfoque LEADER, que promove a cooperación entre territorios rurais no marco do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Durante a xornada do venres 27 de xuño, a nosa coordinadora, Eva González, formará parte do panel de intervencións centrado na presentación dos proxectos de cooperación que se están deseñando ou executando ao abeiro do programa PEPACC 2030. Nesta mesa tamén participan grupos de acción local de Galicia (GDR Terra e Auga) e Italia.

Un espazo para compartir coñecemento e boas prácticas

O Europa Forum está deseñado como un encontro para o intercambio de experiencias entre os GDR de diferentes rexións europeas. Ao longo dos tres días realizaranse:

  • Visita a diferentes iniciativas rurais de éxito na zona do Alto Miño.
  • Actividades culturais e encontros de traballo para explorar futuras liñas de colaboración entre os GDR europeos.
  • Presentación de proxectos de investimento e cooperación vinculados ás novas programacións para o período 2023-2027.

Este tipo de foros permítennos reforzar as redes de cooperación internacional no marco LEADER, poñer en valor o traballo realizado nos diferentes territorios e buscar novas alianzas para proxectos conxuntos que teñan impacto económico, social e ambiental no rural galego e europeo. Desde o GDR Limia-Arnoia seguimos apostando por abrir novas vías de cooperación, aprender doutras experiencias e situar o noso territorio como exemplo de boas prácticas no contexto europeo.

Máis artigos sobre Novas

Taboadela acolle a presentación do Xeodestino das Artes

Este sábado 4 de outubro, a Rectoral de Taboadela acollerá unha xornada moi especial que marcará a presentación oficial do Xeodestino Allariz-Maceda, tamén coñecido como Xeodestino das Artes. Será un encontro pensado para achegar a cultura á veciñanza, combinar tradición