Novas · O GDR Limia-Arnoia renova a súa presenza dixital estreando nova web

O GDR Limia-Arnoia renova a súa presenza dixital estreando nova web

A nova páxina web do GDR Limia-Arnoia xa leva un mes en funcionamento e chega cun deseño máis visual, claro e accesible, pensado para achegar o traballo do grupo á veciñanza, ás entidades locais e ás persoas emprendedoras que queren desenvolver proxectos no territorio.

A través dun menú principal sinxelo e intuitivo, a web permite coñecer en detalle quen somos, que facemos e cales son os programas e proxectos que temos en marcha. Accede a ela facendo clic aquí.

Que vas atopar na nosa web?

Na sección “Asociación” explícase que é o Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia, que comarcas e concellos abrangue, quen o integra e cal é o seu papel como entidade que impulsa o desenvolvemento sostible e a cooperación no medio rural.

En “LEADER” recóllese toda a información sobre o programa que o GDR xestiona, incluíndo a información base do programa, o ámbito xeográfico e os tipos de proxectos que se poden presentar. Tamén se poden consultar exemplos de iniciativas apoiadas nos últimos anos, que amosan o impacto do programa no territorio e a súa capacidade para xerar emprego e fixar poboación.

Proxectos GDR-10” reúne as accións nas que o GDR10 participa con outras entidades e grupos doutros territorios, como Mixturando, Espazos Efémeros, Nó Rural, Aterra, Reserva da Biosfera Área de Allariz e Ruralmente, iniciativas que buscan mellorar a xestión forestal, revitalizar o comercio de proximidade ou promover o relevo xeracional no rural.

No apartado de “Turismo” pódese descubrir a riqueza natural, cultural e patrimonial do territorio, a través do Xeodestino A Limia – o cal destaca por ser un lugar de referencia para aqueles amantes da ornitoloxía e da natureza – e o Xeodestino Allariz-Maceda – busca promover o territorio como destino cultural e sostible – , así como o proxecto 25 Motivos, que pon en valor a identidade e os recursos dos 25 concellos que forman parte do GDR.

O apartado “Novas” actualízase periodicamente con información sobre convocatorias, proxectos, formacións e eventos nos que participa o GDR, converténdose no espazo perfecto para seguir o día a día da entidade.

Ademais, a web inclúe acceso aos contactos e canles de comunicación do GDR, así como á sede electrónica e un menú onde che explicamos todo o que debes facer para asociarte ao Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia. Tamén poderás acceder ao portal de emprego Ficar Aquí dende a páxina de inicio.

Con este novo deseño e estrutura, o GDR Limia-Arnoia reforza o seu compromiso coa transparencia, a participación e a comunicación directa co territorio. A web convértese así nunha ferramenta pensada para informar e conectar ás persoas e entidades que forman parte do tecido rural da Limia, Baixa Limia e Allariz-Maceda.

Máis artigos sobre Novas