Novas · Os proxectos do GDR Limia-Arnoia seguen medrando: cooperación para un rural con futuro

Os proxectos do GDR Limia-Arnoia seguen medrando: cooperación para un rural con futuro

II Xornadas Mixturando

O GDR Limia-Arnoia continúa impulsando o desenvolvemento sostible e a innovación no territorio a través da súa participación en tres proxectos de cooperación: Mixturando, Espazos Efémeros e Nó Rural. Tres iniciativas complementarias que teñen un mesmo obxectivo: fortalecer o medio rural galego, fomentar o emprendemento e conservar o patrimonio natural e social que o caracteriza.

Mixturando: sostibilidade e futuro para o bosque mixto atlántico

No marco do proxecto Mixturando, o GDR Limia-Arnoia continúa traballando na recuperación e xestión sostible do bosque mixto atlántico, promovendo accións que unen conservación ambiental e aproveitamento produtivo.

O pasado 25 de setembro, o grupo participou nas II Xornadas de Mixturando, organizadas polo GDR Camín Real de la Mesa en Quirós (Asturias), onde se visitaron actuacións de mellora de masas forestais e se compartiron experiencias sobre a restauración do monte.

Na comarca da Limia e Baixa Limia, o GDR Limia-Arnoia está a desenvolver unha mellora pastícola en altura, eliminando o mato e preparando o terreo para a implantación de especies pastícolas de alta montaña. O obxectivo é claro: recuperar espazos produtivos e sostibles, creando unha nova estrutura integrada no Parque Natural e adaptada á contorna.

Tamén avanza a restauración do souto centenario de Araúxo (San Paio, Lobios), un espazo único de castiñeiros centenarios (Castanea sativa) que simboliza biodiversidade, cultura e aproveitamento tradicional.

Recentemente, membros do proxecto visitaron Somiedo, onde coñeceron de primeira man como a gandaría extensiva de vacún axuda a manter o valor ambiental e económico do Parque Natural.

Visita a Somiedo (Asturias)

O 8 de novembro, Mixturando celebrará en Lobios unha nova xornada formativa centrada na xestión do bosque mixto como ferramenta esencial na prevención e control dos incendios forestais, coa participación de expertos e investigadoras de referencia.

Espazos Efémeros: revitalizando o comercio rural

O 9 de outubro, no Pazo da Escola de Gondomar, tivo lugar a presentación oficial de Espazos Efémeros, un proxecto de cooperación transnacional que une catro grupos de desenvolvemento rural de Galicia, Asturias e Portugal: Galicia Suroeste Eurural, Limia-Arnoia, ADRI Oriente de Asturias e a Associação para o Desenvolvimento Sustentável da Região Saloia.

A iniciativa busca revitalizar o comercio local, apoiar o emprendemento e dinamizar culturalmente os territorios rurais a través da creación de espazos temporais que combinen venda directa, talleres, música e actividades divulgativas.

Presentación Espazos Efémeros

Esa mesma fin de semana celebrouse o primeiro espazo efémero en Gondomar, converténdose nun punto de encontro entre produtores, artesáns, artistas e veciñanza, e marcando o inicio dun itinerario que continuará nos territorios dos demais socios do proxecto.

Nó Rural: relevo xeracional e oportunidades para a mocidade

O venres 26 de setembro, o GDR Limia-Arnoia celebrou unha mesa de traballo no marco do proxecto Nó Rural, unha iniciativa que busca impulsar o relevo xeracional no agro galego e ofrecer novas oportunidades á mocidade.

Xuntanza Nó Rural

O encontro destacou pola implicación e vontade de colaboración das persoas participantes, reforzando o compromiso común de construír un rural con futuro, baseado na cooperación e na innovación.

Posteriormente, os días 15 e 16 de outubro, representantes galegos dos GDR que forman parte do proxecto visitaron Cataluña, onde coñeceron de preto o traballo do GAL Adrinoc, grupo coordinador da cooperación sobre relevo xeracional na zona. A visita incluíu un encontro coa fundación La Fageda, un proxecto exemplar que promove a integración social e laboral de persoas en risco de exclusión.

Visita a La Fageda co GAL Adrinoc

Cada un destes proxectos reflicte o compromiso do GDR Limia-Arnoia co desenvolvemento rural sostible, a cooperación e a creación de novas oportunidades que manteñan vivo o territorio, unindo tradición e innovación para construír o futuro do rural galego.

Máis artigos sobre Novas