Proxectos GDR10 · Aterra

Aterra

O proxecto Aterra ten como obxectivo revitalizar o sector agrogandeiro nas comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova.
Logotipo GDR10 ATerra

Descrición

O proxecto Aterra está impulsado polo GDR Limia-Arnoia e ten como obxectivo revitalizar o sector agrogandeiro nas comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova, na provincia de Ourense. A iniciativa busca conectar a propietarios de terras en desuso con persoas interesadas en desenvolver ou ampliar proxectos agrícolas ou forestais, fomentando así a recuperación de terreos abandonados e promover un rural sostible.

O nome de Aterra combina as palabras terra que é ‘unha extensión delimitada da superficie terrestre susceptible de estar dedicada a unha certa actividade’ e aterrar que é ‘aparecer, asentarse nun sitio’. Esta denominación reflexa a esencia do proxecto: recuperar terras e deseñar un futuro próspero para o rural.

Unha das ferramentas clave de Aterra é o seu visor dixital, ao que se pode acceder dende aterra.gal. O sitio web funciona como un banco de terras en liña, onde os propietarios poden rexistrar as súas parcelas e os interesados poden buscar terreos que se axusten ás súas necesidades. O visor xeográfico é interactivo, facilita a localización das parcelas e proporciona información detallada de cada unha, incluíndo o seu tamaño, ubicación e condicións de uso.

O GDR Limia-Arnoia ofrece o apoio e a orientación necesaria para os demandantes como para os propietarios das terras, acompañándoos en todo o proceso. Ademais, tamén traballa con axentes locais para identificar terras dispoñibles e promover o seu aproveitamento.

Un exemplo destacable do traballo de Aterra é a xestión da Finca Antela, unha extensión de 49 hectáreas no Concello de Sandiás, cedida pola Deputación de Ourense. As parcelas desta Finca estaban en desuso e agora están á disposición de novos agricultores e gandeiros interesados en desenvolver nelas proxectos sostibles, con especial énfase na agricultura ecolóxica e a diversificación de cultivos.

Aterra lanzouse en novembro de 2022 e dende aquel entón recibiu unha resposta positiva da poboación. É unha aposta innovadora para a recuperación de terras e o desenvolvemento rural na provincia de Ourense. Ao conectar propietarios de terras con emprendedores do sector agrogandeiro, o proxecto contribúe a revitalizar o rural, promover prácticas agrícolas sostibles e a fortalecer a economía local.

Galería de imaxes

Vídeo