Proxectos GDR10 · Espazos efémeros II
Espazos efémeros II
Descrición
Espazos Efémeros II é un proxecto de cooperación que busca dar nova vida ao rural. Durante 2026 e 2027, os grupos de desenvolvemento rural AD Galicia Suroeste, a AD Limia Arnoia e a ADR Ulla Tambre Mandeo unirán esforzos para crear unha rede de tendas temporais sostibles que funcionarán como espazos de encontro, visibilización e dinamización.
Que son os espazos efémeros?
Son tendas temporais sostibles que combinan diferentes funcións: puntos de venda para produtores, artesáns e persoas emprendedoras, escenarios de programación cultural e gastronómica, lugares de encontro comunitario e nodos de atracción turística e dinamización social. Cada espazo efémero será unha oportunidade para experimentar novas formas de comercio, para que as persoas emprendedores poidan testar os seus produtos e para que a veciñanza e visitantes descubran a riqueza do territorio.
Obxectivos do proxecto
- Reforzar o pequeno comercio e mellorar a súa competitividade.
- Apoiar a aparición de novas iniciativas emprendedoras, con especial atención a mulleres e mocidade.
- Atraer talento creativo ao rural en ámbitos como artesanía, agroecoloxía, moda, música ou gastronomía.
- Potenciar o sentimento de orgullo e pertenza local.
- Crear unha rede transnacional de boas prácticas que sirva de exemplo para outros territorios.
Quen está detrás?
O proxecto está liderado por tres grupos de desenvolvemento rural:
- Galicia Suroeste Eurural (GDR14), en Pontevedra. (coordinador)
- Limia – Arnoia (GDR10), en Ourense.
- Ulla Tambre – Mandeo (GDR20), en A Coruña.
Xuntos traballan nun modelo común, con metodoloxía compartida, unha identidade gráfica conxunta e unha estratexia de comunicación que contribuirá á visibilidade do proxecto.
Actividades principais
- Acto público de lanzamento e presentación do proxecto.
- Creación de catro espazos efémeros, dous no territorio de Galicia Suroeste, un no territorio de Limia Arnoia e outro no territorio de Ulla Tambre Mandeo.
- Programación cultural e gastronómica asociada a cada espazo.
- Estratexia de comunicación multicanle: web, redes sociais, materiais gráficos e audiovisuais.
- Recopilación de metodoloxías que permitirán replicar o modelo noutros territorios.
- Evento final de presentación de resultados.
Financiamento
O proxecto Espazos Efémeros II conta cun orzamento total de 107.480,24 €, destinado á creación, implementación e difusión desta rede de espazos.
Entidades financiadoras
O proxecto de Cooperación Leader está financiado pola Unión Europea no marco da PEPAC 2023–2027, co apoio do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia.