Proxectos GDR10 · Mixturando

Mixturando

Mixturando é unha iniciativa colaborativa que busca desenvolver novas estratexias para a valorización do bosque mixto atlántico en Galicia e en Asturias.
Logotipo GDR10 Mixturando

Descrición

O proxecto Mixturando é unha iniciativa colaborativa que busca desenvolver novas estratexias para a valorización do bosque mixto atlántico en Galicia e en Asturias. Participa xunto co GDR Terra e Auga, GDR Camín Real de la Mesa (Asturias) e a Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo principal é promover unha xestión forestal sostible que contribúa á preservación da biodiversidade e ao desenvolvemento socioeconómico das comunidades locais.

O GDR Limia-Arnoia desempeña un papel fundamental na implementación de modelos sostibles de xestión forestal nos concellos de Entrimo, Lobios, Lobeira e Muíños, todos eles situados no Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés, o cal é unha zona de gran importancia ecolóxica, onde a combinación de bosques mixtos e montes veciñais en man común ofrece un potencial significativo para modelos de economía verde.

Entre as accións específicas que leva a cabo o GDR Limia-Arnoia no marco do proxecto son:

  • Mellora silvícola en Entrimo – CMVMC de A Pereira.
  • Restauración do bosque mixto en Lobeira – CMVMC de Gaiás e parroquia de Lobeira.
  • Intervención en Lobios – CMVMC de Riocaldo.
  • Recuperación de castiñeiros – CMVMC de Araúxo.
  • Mellora silvícola en Muíños – CMVMC de Calvelo.

Estas accións de restauración e xestión forestal buscan mellorar a saúde dos bosques mixtos, reducir o risco de incendios forestais e promover a biodiversidade. Ao mesmo tempo, foméntase a creación de oportunidades económicas baseadas na bioeconomía, beneficiando a agricultores, gandeiros e apicultores locais.

O proxecto Mixturando conta cunha financiación de 1.690.592,38 euros, outorgada pola Fundación Biodiversidad no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, financiado polos fondos Next Generation EU. O proxecto desenvolverase ao longo de 2024 e 2025, co obxectivo de establecer modelos replicables de xestión sostible que poidan ser aplicados en outras rexións con características similares.

A participación do GDR Limia-Arnoia no proxecto Mixturando é importante para implementar estratexias que integran a conservación ambiental co desenvolvemento económico e social. A través da colaboración con actores locais e a aplicación de modelos innovadores de xestión forestal, búscase asegurar un futuro sostible para o bosque mixto atlántico e para as comunidades que dependen del.

Podes visitar a lista de reprodución de vídeos do proxecto.

Vídeo