Proxectos GDR10 · Nó rural

Nó rural

Nó Rural é unha iniciativa de cooperación entre seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) co obxectivo de fomentar o relevo xeracional no agro e dinamizar os territorio rurais.

Descrición

Nó Rural é unha iniciativa de cooperación entre seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) galegos – GDR Limia Arnoia, GDR Mariñas-Betanzos, Seitura 22, GDR Comarca de Lugo, GDR Terra Chá e Eu Rural – co obxectivo de fomentar o relevo xeracional no agro e dinamizar os territorio rurais.

Con esta finalidade búscase darlle resposta ás necesidades do rural galego, facilitando a incorporación da mocidade ao mercado laboral primario mediante un contacto directo con empresas locais, especialmente as máis pequenas que poidan carecer de relevo. Do mesmo xeito, existe o servizo de prácticas e estadías remuneradas en empresas do sector para mellorar as competencias profesionais e fomentar a empregabilidade no rural. Neste senso, creouse un recurso centralizado con oportunidades como proxectos sen relevo, instalacións baleiras ou terras dispoñibles.

No período actual estase a desenvolver unha Estratexia de Relevo Xeracional Agrario, adaptada aos contextos locais, buscando alianzas e compromisos entre axentes e institucións de dentro e fóra do territorio. Neste marco, créase un ecosistema de apoio á incorporación, fortalecendo e dinamizando a innovación no sector, animando á volta do urbano ao rural a través tamén de actuacións para fomentar o apego territorial.

Nó Rural emprega como ferramenta de emprego e formación o seu portal web, onde se poden consultar propostas e inscribirse a recursos formativos e informativos que se desenvolven dentro do proxecto.

Dende o GDR Limia-Arnoia convidamos á mocidade e ás empresas locais do noso territorio a unirse a esta estratexia e formar parte activa da transformación rural galega.

Vídeo