Proxectos GDR10 · Reserva da Biosfera Área de Allariz
Reserva da Biosfera Área de Allariz

Descrición
A Reserva da Biosfera Área de Allariz foi declarada pola UNESCO en xuño de 2005 e abrangue os concellos de A Bola, Allariz, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos, situados na provincia de Ourense. Ten máis de 21.300 hectáreas de superficie.
Dentro desta ampla superficie diferénciase:
- Zonas Núcleo (982,01 ha = 4,60%). Zonas cun maior interese ecolóxico de conservación a máis longo prazo como o Briñal, Canelar ou Foxo Vello en Allariz; as Veigas de Ponteliñares, o Castro de Castrelo e o Castro de San Miguel en Rairiz de Veiga e o Ruxidoiro en Vilar de Santos.
- Zonas Tampón (9.986,03 ha = 46,76%). Son zonas con importancia dentro da Reserva xa que nelas se centran parte das actividades humanas. Pode ser A Carballa da Rocha ou corredores fluviais que posúen un recoñemento e medidas de xestión específicas.
- Zona Exterior de Transición (10.388,06 ha = 48,64%). Son os núcleos urbanos e as áreas industriais e de servizos.
Esta Reserva da Biosfera destaca por ser un exemplo de xestión integrada, participativa e sostible do patrimonio e dos recursos naturais. Cos obxectivos básicos de preservación da biodiversidade e de desenvolvemento ambiental sostible, busca que se produza unha mellora no benestar da poboación, fomentando a participación pública, a investigación, a educación na integración entre desenvolvemento e medio e a formación en novas formas de mellorar dita integración.
O Plan de Xestión da Reserva da Biosfera Área de Allariz segue os principios do programa Man & Biosphere da UNESCO e a normativa estatal e autonómica, co obxectivo de fortalecer o funcionamento da reserva como espazo protexido.
As súas liñas principais inclúen a conservación da biodiversidade, a loita contra o cambio climático, o impulso ao desenvolvemento sostible tanto no rural coma no urbano, a redución dos residuos, a participación cidadá na xestión e a colaboración con outras reservas e entidades investigadoras.
Polo tanto, foméntase unha mellor calidade de vida para os habitantes da Reserva da Biosfera mediante o impulso de medidas necesarias de dinamización e desenvolvemento sostible dirixidas ao uso público, como o turismo, agricultura, gandería e silvicultura; promociónanse produtos de denominación de orixe e poténciase o sector primario e do turismo no marco da Reserva da Biosfera.