200 colmeas para consolidar un proxecto apícola na Limia
Resumo do proxecto
Descrición
Sonia Fondevila puxo en marcha A Carqueixa, unha pequena explotación apícola situada no rural da comarca da Limia, centrada na produción de mel e abellas. O seu contacto coa apicultura comezou en 2017, cando adquiriu catro colmeas como afección, seguindo un interese que lle viña do seu avó. Desde entón, a actividade foi medrando ata alcanzar as 200 colmeas.
O proxecto céntrase na produción primaria e na comercialización de mel, así como na venda de enxames e raíñas seleccionadas das mellores colmeas de abella negra ibérica. A axuda LEADER destinouse á reforma dunha casa familiar para convertela nun almacén apícola, facilitando a consolidación dunha actividade que foi medrando desde unha pequena afección ata converterse nun proxecto profesional.
Da afección á apicultura profesional
A Carqueixa mantén unha vinculación directa coa contorna na que creceu a familia de Sonia. Aínda que actualmente vive en Xinzo, o proxecto desenvólvese na aldea de Porqueira, na zona da súa familia, mantendo así a actividade ligada ao territorio rural.
A comercialización do mel chega actualmente a diferentes puntos de Galicia, apoiada tamén polas posibilidades que ofrece o mundo dixital para ampliar o mercado. De cara ao futuro, Sonia contempla seguir avanzando na diversificación dos produtos da colmea, con posibilidades como o propóleo, xabóns, cremas ou labiais.
Para a promotora, o rural ofrece moitas oportunidades, aínda que considera necesario contar con máis servizos que faciliten o asentamento e a vida nestes territorios. Neste sentido, a axuda LEADER supuxo un apoio para afrontar a reforma do almacén apícola, un investimento que resultaría máis difícil de asumir únicamente con fondos propios.