Agrobaltar: Área de estacionamento de autocaravanas

Programa: LEADER 23-27
Tipo: Produtivo
Ano: 2023
Entidade: Privada
AGROBALTAR: ÁREA DE ESTACIONAMENTO DE AUTOCARAVANAS.

Resumo do proxecto

Expediente: L-23-1920-10-0389
Promotor: Agrobaltar
Concello e lugar: Concello de Lobios, San Bartolomeu
Puntuación: 76
Orzamento aceptado: 89.900 € €
Contía Axuda: 44.950 € €

Descrición

Agrobaltar impulsa a creación da primeira área de estacionamento de autocaravanas na súa contorna, situada a poucos quilómetros da fronteira con Portugal (concretamente a 6,3 km da raia). Detrás desta iniciativa están os irmáns Jardón, que decidiron emprender no rural guiados por unha motivación emocional e un forte compromiso co lugar no que residen.

O obxectivo principal desta actuación é dinamizar a zona a través dun modelo de turismo amante da natureza ao tempo que se contribúe a frear a perda de poboación, unha das principais preocupacións destes irmáns emprendedores. A proposta busca atraer visitantes de diferentes procedencias, xerando movemento económico e poñendo en valor un espazo con grande potencial pero aínda pouco coñecido.

A intervención consistiu na adecuación integral dun terreo para habilitar unha área preparada para acoller ata 40 autocaravanas. Leváronse a cabo obras para facilitar accesos cómodos de entrada e saída, así como a instalación de servizos básicos moi demandados por este tipo de turismo, como puntos de descarga de augas residuais, subministración de auga limpa e espazos habilitados para tarefas como o lavado de utensilios.

Unha parada no camiño para descansar e desfrutar da natureza

A creación desta área de autocaravanas responde á preocupación polo descenso de poboación na zona e á vontade de manter vivo o rural. A motivación dos seus impulsores nace do amor polo territorio e do desexo de que lugares como este sigan tendo futuro, apostando por novas fórmulas de emprendemento adaptadas ás novas formas de turismo.

A diversidade das orixes das persoas usuarias que pasan polo aparcadoiro, demostran que o Xurés ten un alto valor natural e etnográfico e que é apreciado e descuberto por xente de todo o mundo. De feito, a maioría proceden de diferentes lugares de Europa e mesmo de fóra do continente, convertendo este punto nun lugar de encontro internacional. Este fluxo contribúe a dar visibilidade á zona e a integrala en rutas turísticas máis amplas.

Ademais de ofrecer un servizo práctico e necesario, o proxecto busca proporcionar unha experiencia cómoda e agradable, coidando aspectos que son fundamentais para este tipo de turismo. A atención ás necesidades das persoas usuarias e o respecto polo medio son o mellor xeito de satisfacer aos seus clientes e de que marchen contentos da zona.

A iniciativa tamén serve como exemplo das oportunidades que existen no rural para quen decide emprender con determinación. Os irmáns Jardón destacan a importancia de coñecer o territorio, identificar as súas potencialidades e apostar por elas con valentía.