Agroturismo e economía social para impulsar Boado
Resumo do proxecto
Descrición
A iniciativa nace da man de varios veciños de Boado que decidiron crear unha cooperativa de explotación comunitaria da terra para poñer en valor os recursos que xa existen na aldea e dinamizar a súa actividade económica. O proxecto combina as explotacións gandeiras dos socios cun novo centro de agroturismo e unha tenda de produtos agroalimentarios, co obxectivo de crear autoemprego e desenvolver novas actividades arredor da realidade produtiva da contorna.
As explotacións de vacas, ovellas e pitas xa existían, pero estaban orientadas principalmente ao autoconsumo. A cooperativa busca agora profesionalizar a produción e a venda directa, aproveitando estes recursos para desenvolver actividades vinculadas á granxa. O novo centro de agroturismo servirá tamén para divulgar o funcionamento das explotacións e achegar aos visitantes as actividades propias dunha granxa e os recursos da comarca.
Unha cooperativa para dinamizar Boado
A proposta busca crear un tecido económico na aldea a través dun modelo baseado na economía social e no aproveitamento conxunto das terras e explotacións dos socios. Desde o centro de agroturismo preténdese vertebrar unha oferta vinculada aos recursos naturais, culturais e agrogandeiros da Limia, con actividades como visitas ás granxas e hortas, talleres, catas e venda de produtos agroalimentarios.
A iniciativa nace tamén cunha motivación clara: dinamizar Boado e xerar novas oportunidades a partir do que xa existe no territorio. Para os promotores, a axuda LEADER supuxo un empurrón para avanzar cunha idea que xa tiñan en mente e facilitou afrontar o investimento con maior respaldo.