Bande estuda o pasado para avanzar cara a un futuro termal
Resumo do proxecto
Descrición
O Concello de Bande impulsa a realización de traballos arqueolóxicos preliminares no entorno de Aquae Querquennae, vinculados á posible aparición de restos relacionados coa antiga mansión viaria localizada no sector oriental do xacemento, nas proximidades dos mananciais de augas mineiro-medicinais.
A actuación inclúe sondaxes, control arqueolóxico e prospección xeofísica nunha superficie aproximada dunha hectárea, situada nunha parcela de titularidade municipal. Estes traballos forman parte dos primeiros pasos para avanzar no proxecto de creación dun futuro centro termal destinado ao aproveitamento das augas medicinais da zona.
Os primeiros pasos para un futuro centro termal
A iniciativa nace no marco do proxecto do Concello para impulsar un centro termal vinculado ao turismo de augas mineiro-medicinais. Tras a realización dun concurso de ideas no que participaron arquitectos de diferentes puntos de España e a elección dun proxecto, a prospección arqueolóxica converteuse nun dos primeiros pasos necesarios para poder avanzar na súa planificación.
A actuación tamén responde á necesidade de comprobar que non existen restos arqueolóxicos nas zonas onde está previsto executar novas infraestruturas, entre elas un aparcadoiro e outros servizos vinculados ao futuro centro termal.
A axuda LEADER permitiu ao Concello avanzar no plan especial previo á instalación do centro termal, incluíndo un dos estudos e requisitos necesarios para continuar coa planificación do proxecto.
Con estes traballos, o Concello de Bande busca avanzar na posta en marcha dun novo recurso termal que contribúa a reforzar dous dos principais valores do territorio: o patrimonio arqueolóxico e as augas medicinais, considerados tamén motores para o turismo do concello.