Bicicletas eléctricas e kaiaks para explorar o Xurés
Resumo do proxecto
Descrición
XuresActivo Experiencias SLU desenvolve actividades de turismo activo no Parque Natural do Xurés, aproveitando as posibilidades que ofrece un territorio de alto valor natural e paisaxístico. O proxecto de modernización aposta pola incorporación de catro bicicletas eléctricas e oito kaiaks para ampliar e diversificar a oferta da empresa con novas experiencias de turismo de natureza.
A incorporación das e-bikes permitirá desenvolver actividades vinculadas ás rutas BTT da zona, mentres que os kaiaks están pensados para ofrecer novas experiencias nos embalses do parque. A iniciativa nace da existencia dunhas boas condicións para desenvolver estas actividades e da ausencia, ata o momento, dunha oferta similar na zona.
Novas experiencias para descubrir o Xurés
A actividade de XuresActivo comezou a desenvolverse despois da pandemia, tras algunhas experiencias previas realizadas con outras empresas portuguesas. Actualmente, as súas propostas están dirixidas principalmente a persoas procedentes de diferentes puntos de Galicia, que valoran especialmente o entorno e a posibilidade de realizar actividades innovadoras na natureza.
A adquisición do novo equipamento contou co apoio da axuda LEADER, que para a empresa foi fundamental para poder afrontar o investimento, xa que sen este apoio resultaría moi difícil adquirir o material necesario. O proxecto busca así ampliar as posibilidades de turismo activo no Xurés e aproveitar os recursos do territorio para crear novas experiencias.