A Casa Vella: cultura e creación artística máis alá dos núcleos urbanos
Resumo do proxecto
Descrición
Aira Vella S.Coop. Galega, formada por Nuria Sotelo, Sabela Mendoza e, proximamente, Rubén Vilanova, impulsa A Casa Vella, un espazo de residencias artísticas e dinamización cultural situado en San Martiño de Pazo. O proxecto nace despois de que as súas promotoras se instalasen neste lugar e decidisen desenvolver nel a súa actividade profesional vinculada á creación artística.
Co apoio da axuda LEADER, o proxecto permitiu ampliar e completar físicamente A Casa Vella, mellorando as instalacións para facer máis viable o desenvolvemento das residencias artísticas e dos proxectos culturais. A actuación permitiu ampliar o espazo ata contar con dúas salas, catro habitacións e unha cociña, creando novas posibilidades para acoller artistas e desenvolver actividades.
Un espazo para crear e compartir
A Casa Vella desenvolve residencias artísticas e proxectos culturais no rural. Nas residencias participan artistas de Galicia, España, Europa e Iberoamérica, mentres que as actividades abertas están dirixidas principalmente á poboación de Allariz, Ourense e diferentes localidades da contorna, chegando tamén a concellos como Sarreaus, Trasmiras, Taboadela e Xunqueira de Ambía.
As persoas que participan nas residencias valoran especialmente o espazo, a tranquilidade do lugar e a dispoñibilidade das instalacións para desenvolver as súas creacións, así como o acompañamento e a capacidade de A Casa Vella para xerar conexións e sinerxias. Tamén a oferta de documentación gráfica e audiovisual dos procesos de creación.
Para a comunidade próxima, A Casa Vella converteuse nun lugar de encontro no que compartir e formar parte da creación artística contemporánea desde unha aldea. A través das súas actividades, o proxecto busca diversificar a actividade no rural e achegar propostas culturais que non son habituais nestes territorios.
A ampliación das instalacións permite así seguir consolidando A Casa Vella como un espazo de creación e encontro, capaz de atraer novas persoas e actividades ao rural e xerar novas dinámicas arredor da cultura e da creación artística.