Museo da Muller Labrega de Puxedo

Programa: LEADER 23-27
Tipo: Non produtivo
Ano: 2023
Entidade: Privada
MUSEO DA MULLER LABREGA DE PUXEDO

Resumo do proxecto

Expediente: L-23-1920-10-0308
Promotor: Asociación de Veciños de Puxedo
Concello e lugar: Concello de Lobios, San Paio de Araúxo
Puntuación: 67
Orzamento aceptado: 43.142,40 € €
Porcentaxe axuda: 78,18% %
Contía Axuda: 30.000 € €

Descrición

A Asociación de Veciños de Puxedo impulsa un novo proxecto centrado na recuperación da memoria colectiva e no recoñecemento do papel fundamental das mulleres no rural. Cunha base social de arredor de 200 persoas socias e unha directiva comprometida, a entidade consolidouse coma un motor de dinamización na aldea, promovendo iniciativas culturais, patrimoniais e sociais que fortalecen a vida comunitaria.

Neste contexto, preséntase o proxecto de creación do Museo da Muller Labrega, unha iniciativa que nace co obxectivo de poñer en valor o traballo, a historia e a identidade das mulleres rurais, tanto do pasado como do presente. A proposta busca tamén contribuír á xeración de turismo sostible na contorna do Xurés a través da exaltación da tradición popular e da propia historia da aldea.

A actuación céntrase na recuperación dun espazo de grande significado histórico: o antigo lugar onde se tecía o liño e funcionaba unha escola de tecedeiras e costureiras ademais de onde se cocía o pan. A intervención tamén inclúe a rehabilitación do forno do pan, cunha destacada pía en granito xusto ao lado da porta do forno, e do hórreo. Ambos os dous elementos tradicionais transfórmanse agora en obxectos expositivos dentro deste edificio dedicado á muller labrega e aos oficios vinculados á vida cotiá da aldea.

Este proxecto intégrase nunha estratexia máis ampla da asociación, que combina a conservación do patrimonio coa promoción de actividades culturais, formativas e turísticas. Así, o museo convértese nun novo recurso que complementa outras accións xa consolidadas, como as festas etnográficas, os obradoiros ou as visitas guiadas. Unha bonita iniciativa que pon de manifesto que, coa implicación e vontade suficiente, pódense facer grandes cousas no rural para mantelo vivo.

Un espazo para valorizar o pasado e inspirar o futuro

O Museo da Muller Labrega xorde da necesidade de dar visibilidade a aquelas mulleres que, durante xeracións, foron o sostén da vida nas aldeas. A motivación principal é recoñecer o seu traballo silencioso, moitas veces invisibilizado, e reivindicar o seu papel esencial na economía, na cultura e na transmisión de saberes tradicionais.

O espazo expositivo ofrece unha experiencia completa a través de diferentes contidos. Por unha banda, inclúe unha mostra fotográfica con imaxes antigas que documentan a vida das mulleres labregas, os seus oficios e o seu día a día. Por outra, preséntase unha exposición contemporánea con fotografías en cor de nenas, mulleres novas e maiores, establecendo unha ponte entre pasado e presente que reforza a continuidade da identidade rural.

Dirixido tanto á veciñanza como a visitantes e centros educativos, o museo pretende ser un lugar vivo, aberto á participación e á aprendizaxe. A Asociación de Veciños organiza visitas guiadas, actividades didácticas e obradoiros que permiten coñecer de primeira man os oficios tradicionais e a historia local, fomentando así a transmisión interxeracional do coñecemento.

Ademais, a iniciativa contribúe a manter viva a aldea, atraendo novas persoas e apoiando a chegada de iniciativas privadas e novos proxectos de vida no rural.