Parque infantil sensorial e inclusivo
Descrición
O Concello de Xinzo de Limia promove a creación dun parque infantil sensorial e inclusivo, concebido como un novo espazo de lecer ao aire libre pensado especialmente para a infancia. Esta iniciativa responde á necesidade de avanzar cara a unha vila máis accesible, integradora e sensible ás necesidades de todas as crianzas.
O principal obxectivo do proxecto é ofrecer un lugar de xogo adaptado para nenos e nenas de entre 2 e 8 anos, no que se favoreza a participación de menores con diversidade funcional. A través de elementos pensados para estimular os sentidos e a psicomotricidade, búscase fomentar un tipo de xogo libre, non guiado e inclusivo.
O xogo: un dereito do que debe desfrutar toda a cativada sen excepción
A creación deste parque é un xeito de contar con espazos onde todos os nenos e nenas poidan xogar en igualdade de condicións, interactuar entre eles e elas e favorecer a integración. A motivación principal é garantir que a diversidade funcional non sexa unha barreira para o lecer, senón unha oportunidade para construír contornas máis enriquecedoras e diversas.
O parque está deseñado para estimular a curiosidade, a imaxinación e as habilidades cognitivas a través de elementos sensoriais que invitan á exploración. Os percorridos e estruturas están adaptados para facilitar o acceso e a participación, promovendo a interacción entre a cativada con diferentes capacidades.
Este espazo dirixido a todo o público familiar convértese así nun punto de encontro no que se reforzan valores como a inclusión, o respecto e a convivencia. Deste xeito, o parque convértese nun lugar de divertimento sen barreiras, favoreciendo a inclusión e o respecto a través do xogo.