Recuperación do lavadoiro cuberto de Calvos
Resumo do proxecto
Descrición
O Concello de Calvos de Randín leva a cabo a recuperación do lavadoiro cuberto de Calvos, un elemento incluído no catálogo de bens patrimoniais municipais. Esta actuación tivo como obxectivo conservar e mellorar un espazo tradicional que tivo un papel importante na vida cotiá da comunidade, sobre todo das mulleres da zona.
A obra incluíu a demolición da cuberta existente, realizada en morteiro, e a súa substitución por unha nova estrutura de madeira con cubrición de tella. Ademais, realizáronse melloras nos tanques de lavado e recuperáronse as antigas canalizacións que permiten a saída de auga cara aos tanques exteriores.Tamén se actuou sobre as carpinterías exteriores e incorporáronse vidros nas ventás, mellorando así a súa conservación.
Un espazo que non só era lugar de traballo, senón tamén de convencia e encontros
A rehabilitación do lavadoiro de Calvos é un xeito de preservar aqueles lugares que formaron parte da identidade do rural. Estes espazos, máis alá da súa función práctica, foron historicamente puntos de encontro onde se compartían conversas, sobre todo entre as mulleres, que eran as que levaban o peso do traballo doméstico.
O lavadoiro restaurado súmase así á rede de elementos patrimoniais do concello, sendo tamén unha posibilidade para visitar de forma turística e contribuíndo tamén ao coidado dos espazos públicos.
En definitiva, o lavadoiro cuberto de Calvos volve ocupar o seu lugar coma un símbolo da vida comunitaria e da arquitectura tradicional.