Novas · Representantes do Camiño Mozárabe participan nun intercambio de experiencias en xestión e promoción do Camiño de Santiago

Representantes do Camiño Mozárabe participan nun intercambio de experiencias en xestión e promoción do Camiño de Santiago

Unhas vinte persoas de diferentes institucións pertencentes á Asociación de Municipios del Camino Mozárabe de Santiago están a participar estes días nunha viaxe de inmersión técnica ao Camiño Portugués que leva por título “Intercambio de experiencias en xestión e promoción do Camiño de Santiago”.

Este encontro, organizado polo GDR Limia-Arnoia, comezou onte, luns día 10, e prolongarase ata o vindeiro xoves, día 13 de novembro. Os participantes, que son un total de 20 entre os que se atopan rexedores e outros cargos de diferentes institucións, coñeceron onte o EcoespaZo O Rexo; un espazo agroecolóxico e artístico no que se mistura paisaxe, gandeiría e cultura.

Visita ao EcoespaZo O Rexo

O encontro ten como obxectivo extraer aprendizaxes e boas prácticas aplicables ao desenvolvemento e consolidación do Camiño Mozárabe en Andalucía, fortalecendo a cooperación e o intercambio de coñecementos entre entidades locais. Os encontros continuaron esta mañá cunha vista á Casa do Concello de Allariz onde a Alcaldesa, Cristina Cid; e a Concelleira de Turismo, María López; tiveron a ocasión de presentar o modelo de xestión municipal centrado na recuperación do casco histórico, na integración dos museos temáticos e na dinamización do comercio local. A mañá rematou cunha visita guiada por Allariz.

Visita ao Concello de Allariz

Xa pola tarde, os participantes trasladáronse á Casa do Concello de Xinzo de Limia onde coñeceron o estudo de caso sobre a transformación territorial da comarca da Limia – de lagoa a polo agrícola – e visitaron a Torre da Pena.

Visita á Torre da Pena

A xornada de maña mércores, comeza ás 10:00 hora cunha visita técnica a Celanova onde se lle farán unha recepción institucioncal no Salón de Arcos da Casa do Concello.

Alí presentaráselle o GDR Limia-Arnoia e o seu papel como axente dinamizador do Camiño de Santiago ao seu paso polos diferentes puntos do territorio. A continuación visitarán o Mosteiro de San Rosendo e a Casa dos Poetas. Xa pola tarde trasladaranse a Vilanova dos Infantes onde terán un encontro coa Asociación Amigos do Camiño Xacobeo de San Rosendo e da Rainha Santa, co fin de coñecer a súa labor na promoción e mantemento do Camiño.

Esta inmersión técnica pecharase o xoves cunha xuntanza que comeza ás 11:00 horas con representantes da Xunta de Galicia na que se realizará un intercambio institucional sobre a xestión do Camiño de Santiago e analizaranse as estratexisa de cooperación entre territorios.

Camiño da Prata

O GDR Limia – Arnoia leva varios anos traballando na recuperación e na promoción do Camiño da Prata ao seu paso polos diferentes municipios que compoñen o territorio.

Ao longo deste anos puxo en marcha diferentes proxectos cos que se melloraron algunhas das infraestructuras históricas presentes no camiño (lavadoiros, fontes,…), co fomento dun camiño sostible e coa colaboración con outros Grupos de Acción Local para atraer un maior número de peregrinos e mellorar a súa experiencia.

Máis artigos sobre Novas