Novas · Un espazo na Rede para recoller as oportunidades de emprego no territorio do GDR Limia-Arnoia

Un espazo na Rede para recoller as oportunidades de emprego no territorio do GDR Limia-Arnoia

O GDR Limia-Arnoia vén de subscribir un acordo de colaboración coa iniciativa “Ficar aquí. O portal de emprego e oportunidades do rural galego”. O obxectivo é contar cun portal de emprego propio dentro e desenvolver un traballo conxunto, entre o equipo de Ficar aquí e o persoal técnico do GDR, de detección e difusión de oportunidades de emprego nos 25 concellos do noso territorio.

Un territorio de oportunidades

O futuro dos territorios rurais pasa pola creación de emprego e o desenvolvemento económico. No noso territorio contamos con empresas que son sostibles economicamente e que precisan traballadores/as. E sabemos que sodes moitas as persoas que queredes apostar por vivir nun concello rural, pero precisades unha oportunidade de emprego para facelo.

Ficar aquí contempla diferentes tipos de oportunidades de emprego. Pódense atopar ofertas de traballo, pero tamén oportunidades de relevo xeracional ou outras creadas por persoas emprendedoras que necesitan atopar persoas socias ou colaboradoras para o desenvolvemento do seu proxecto. O relevo xeracional e o emprendemento están moi vinculados á realidade social e económica dos concellos rurais.

Desde xa, convidamos a calquera empresa, autónomo/a, persoa emprendedora, etc., a crear as súas oportunidades en Ficar aquí. Todas as que estean xeolocalizadas no territorio Limia-Arnoia, aparecerán na nosa páxina. O portal de emprego do GDR10 pode convertense nun lugar de encontro para todas as persoas que apostades por vivir e traballar nas comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova.

A partir de agora, o persoal técnico do GDR Limia-Arnoia e o de Ficar aquí, poñémonos en marcha para, en primeiro lugar, desenvolver un traballo de prospección e captación de oportunidades e, a continuación, de difusión do portal de emprego co obxectivo de conectar empresas e creadores/as de oportunidades coas persoas que encaixen coas súas necesidades e que aposten por ficar aquí.

Ficar aquí. O portal de emprego e oportunidades do rural galego

No rural non hai oportunidades, ou é que estas oportunidades non teñen visibilidade?. Esa é a pregunta que se fixeron as persoas impulsoras de Ficar aquí antes de poñer en marcha o proxecto. Empresas que precisan traballadores/as, negocios sostibles economicamente que precisan un relevo xeracional, empresas que se traspasan e que son as únicas que ofrecen ese servizo no seu concello (unha panadaría, unha libraría, etc.). No rural hai oportunidades de emprego e hai persoas que queren vivir, e traballar, no concello no que naceron ou simplemente emprender un camiño diferente, lonxe da cidade. Con este convencemento, catro persoas socias decidiron crear “Ficar aquí. O portal de emprego e oportunidades do rural galego”. Ficar aquí é unha iniciativa de Enxerta [Re]acción rural, empresa adicada á creación de proxectos innovadores para o mundo rural.

No ano 2024, Ficar aquí conseguía o 2º premio Semente Ribeira Sacra a mellor proxecto de emprendemento rural 2024. Un recoñecemento outorgado pola Asociación Semente Ribeira Sacra e apoiado pola Xunta de Galicia, diferentes concellos da Ribeira Sacra, as universidades galegas e outras entidades públicas e privadas. 

Non perdas a oportunidade

Ademais do portal de emprego e das redes sociais de Ficar aquí, están creadas 53 canles de Whatsapp, unha por cada comarca galega, para que poidades subscribirvos ás que máis vos interesen e estar ao tanto de todas as oportunidades de emprego que aparezan no territorio. A continuación, podedes acceder e subscribirvos ás canles do noso territorio:

Máis artigos sobre Novas

Taboadela acolle a presentación do Xeodestino das Artes

Este sábado 4 de outubro, a Rectoral de Taboadela acollerá unha xornada moi especial que marcará a presentación oficial do Xeodestino Allariz-Maceda, tamén coñecido como Xeodestino das Artes. Será un encontro pensado para achegar a cultura á veciñanza, combinar tradición