Novas · Case 40 persoas participan nunha saída de observación ornitolóxica polas Areeiras de Sandiás e Gomareite

Case 40 persoas participan nunha saída de observación ornitolóxica polas Areeiras de Sandiás e Gomareite

Saída ornitoloxía - 22 novembro

A riqueza ornitolóxica de A Limia foi a protagonista da xornada de observación de aves celebrada o pasado domingo, 22 de novembro, na que participaron preto de 40 persoas interesadas no mundo da ornitoloxía. Entre elas había tanto persoas expertas nesta disciplina, procedentes de diferentes puntos de Galicia, como afeccionadas e coñecedoras do territorio.

A actividade comezou na Torre da Pena, un enclave privilexiado desde o que o grupo puido contemplar unha ampla panorámica de A Limia. Desde este punto, Diego Rodríguez ofreceu unha explicación sobre a evolución da paisaxe limiá e os seus valores naturais, facendo referencia tanto á chaira como ás zonas montañosas que a rodean, tamén relevantes para a observación das aves. A Lagoa de Antela e a transformación histórica deste territorio serviron de punto de partida para contextualizar as especies que se poden atopar na comarca.

A seguinte parada foi nas veigas de Gomareite, un espazo recuperado pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e que constitúe un importante punto de interese para a observación de aves. Durante o percorrido foi posible identificar diferentes especies, entre elas lavercas, cotovías e miñatos reais.

A ruta continuou polas Areeiras de Sandiás, onde os participantes puideron observar cegoñas voando e outras xa nos seus niños, ademais de exemplares de cormorán grande. Este espazo permitiu tamén coñecer de preto o traballo de recuperación e acondicionamento dos dous observatorios de aves, así como dos sendeiros e das zonas habilitadas para a visita e a observación da natureza.

Os asistentes escoitando as explicacións de Diego Rodríguez sobre as especies das areeiras

A xornada permitiu descubrir sobre o terreo a diversidade de aves e hábitats que ofrece o Xeodestino A Limia, pero tamén poñer en valor a importancia da recuperación e conservación dos espazos naturais para favorecer a biodiversidade e achegar estes recursos á cidadanía.

Unha fin de semana para coñecer o potencial ornitolóxico de A Limia

Esta saída deu continuidade ás actividades das xornadas de ornitoloxía, celebradas o 13 de novembro. Nela, Diego Rodríguez impartiu o relatorio Recursos e valores ornitolóxicos da Limia, no que achegou aos asistentes unha visión sobre a riqueza natural do territorio e o seu potencial para a observación e a conservación das aves.

Con estas actividades, o Xeodestino A Limia busca dar a coñecer o patrimonio natural da comarca, fomentar o interese pola ornitoloxía e promover novas formas de descubrir e desfrutar do territorio.

Máis artigos sobre Novas