O luns 16 e o martes 17 de xuño terá lugar na sede do CEIDA, no Castelo de Santa Cruz de Oleiros, en A Coruña, a reunión do Comité de Coordinación das Reservas da Biosfera de Galicia, un encontro clave para definir o Plan Estratéxico da Rede de Reservas da Biosfera galegas.
A nosa coordinadora, Eva González, asistirá como representante da Reserva da Biosfera Área de Allariz e estará acompañada de xestores e xestoras doutras reservas galegas, así como representantes de redes estatais, responsables institucionais e membros do ámbito universitario e científico.
Un espazo para a coordinación, a análise e a proposta
O encontro estrutúrase arredor de catro mesas de traballo, que abordarán os principais eixos estratéxicos para o futuro das Reservas da Biosfera de Galicia:
- Gobernanza: recursos económicos e humanos, visibilidade e participación en redes.
- Apoio loxístico: sinaléctica común, creación dunha web das redes galegas, sensibilización social e vínculos co ámbito educativo e universitario.
- Conservación: recuperación de espazos degradados, biodiversidade, paisaxes ecoculturais e equilibrio entre turismo e conservación.
- Desenvolvemento sostible: fomento de economías locais, produtos ligados á marca RB, turismo sostible e formación para o emprendemento.
A reunión concluirá o martes coa posta en común dos traballos e a redacción do documento estratéxico conxunto, que marcará o rumbo da Rede Galega de Biosferas nos vindeiros anos.