Dende o GDR Limia-Arnoia, vimos de publicar as bases da segunda convocatoria para o arrendamento da superficie restante cultivable da Finca Antela, propiedade da Deputación de Ourense e cedida ao GDR para o desenvolvemento do proxecto “Aterra”, por servir como ferramenta para a posta en valor e defensa do medio rural como creador de riqueza e benestar.
Requisitos de participación
- Persoas físicas ou xurídicas que sexan agricultoras profesionais.
- Agricultores ou agricultoras de nova incorporación que se comprometan a darse de alta en actividade agraria nun prazo máximo de 12 meses contados a partir da data da sinatura do contrato de arrendamento.
- Estar ao día coas obrigas tributarias (coa AEAT e coa ATRIGA) e coa Seguridade Social.
Principais condicións do arrendamento
- Prezo: 300€/Ha ao ano (IVE incluído). O primeiro ano estarán exentos os agricultores ou agricultoras de nova incorporación ou que se desen de alta nos 12 meses previos á publicación das bases.
- Duración: contratos de ata 5 anos con posibilidade de prórroga de 3 anos, o que faría un total de 8 anos de concesión.
- Cultivos: todos deberán estar certificados en ecolóxico polo CREAGA.
- Plan de cultivo: obrigatorio presentar un plan detallado para os cinco anos de concesión.
- Rotación de cultivo: para a pataca, 3 anos; resto de cultivos, 2 anos.
Cada persoa poderá presentar unicamente unha solicitude e en principio, só poderá optar á concesión dunha soa parcela.
Criterios de prioridade
- Solicitantes: 40%. Terán máis puntos as persoas agricultoras de nova incorporación, mulleres, cooperativas e quen teña a explotación dentro do territorio do GDR10 ou da antiga Lagoa de Antela.
- Tipos de cultivos: 60%. Puntuarán máis os cultivos de horta, cereais autóctonos e cultivos mellorantes do solo. Todos os cultivos deben estar certificados en ecolóxico polo CREAGA.
Prazos e solicitude
O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días naturais dende o día seguinte á publicación do presente documento no BOP de Ourense. Dita publicación realizouse o día 9 de setembro do 2025.
A solicitude deberá facerse dende a web de Aterra (aterra.gal) cubrindo o formulario e enviando a documentación indicada por correo electrónico a info@aterra.gal e entenderase por rexistrado cando o GDR envíe un correo electrónico coa mensaxe “Recibido. O seu número de rexistro é …”.
Na seguinte ligazón á páxina de Aterra están dispoñibles as bases coas indicacións necesarias sobre qué documentación hai que engadir e os anexos que debes presentar: https://aterra.gal/demanda.html
Aterra, unha aposta pola recuperación de terras e o futuro do rural
Esta acción enmárcase no proxecto Aterra, impulsado polo GDR Limia-Arnoia dende o ano 2022 e que busca recuperar terras en desuso e poñelas a disposición de explotacións agrogandeiras. O obxectivo é promover unha agricultura sostible e crear novas oportunidades para o relevo xeracional no campo galego.
No caso da Finca Antela, a iniciativa busca devolver a actividade produtiva a unha zona cun alto valor agrícola e histórico, aproveitando os seus recursos de maneira respectuosa co medio e co tecido social e económico da comarca.