Este sábado 4 de outubro, a Rectoral de Taboadela acollerá unha xornada moi especial que marcará a presentación oficial do Xeodestino Allariz-Maceda, tamén coñecido como Xeodestino das Artes. Será un encontro pensado para achegar a cultura á veciñanza, combinar tradición e innovación, e crear un espazo compartido arredor da arte.
Programa do evento
A xornada arrincará ás 10:30h coa apertura institucional e continuará con diferentes actividades:
- 11:00h – Presentación do Xeodestino por parte de Eva González, coordinadora do GDR10 Limia-Arnoia.
- 11:30h – Proxección do vídeo promocional.
- 12:00h – Mesa redonda: Onde e como é a arte? Con Xosé Cid.
- 13:00h – Clausura da sesión matinal cun viño galego acompañado de música.
A partir das 16:00h, pequenos e maiores poderán participar en diferentes obradoiros pensados para toda a familia: cerámica, arte con froitas e danza moderna.
Para asistir ao evento cómpre confirmar previamente asistencia no enderezo electrónico info@limia-arnoia.gal.
A xornada pecharase ás 18:30h cunha merenda comunitaria e música en directo, poñendo o broche final a un día de encontro, aprendizaxe e diversión.
Xeodestino Allariz-Maceda
O Xeodestino Allariz-Maceda é unha área turística que busca promover o territorio como un destino cultural e sostible, poñendo en valor o seu patrimonio artístico, gastronómico e tradicional. Está formado polos concellos de Allariz, Baños de Molgas, Maceda, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xunqueira de Ambía.
O Xeodestino das Artes destaca pola preservación das súas tradicións e pola conexión coas comunidades locais. O seu obxectivo é reforzar a identidade cultural, atraer visitantes e impulsar un desenvolvemento sostible que beneficie ás persoas que viven e traballan no rural.
Podes coñecer máis en deallarizamaceda.gal.