O pasado 28 de novembro tivo lugar en Lugo o V Congreso da Muller Rural, un encontro de referencia que reuniu a expertas, investigadoras, emprendedoras, representantes institucionais e entidades ligadas ao territorio para reflexionar sobre o papel fundamental das mulleres no futuro do rural.
A nosa xerente, Eva González, participou activamente neste congreso, destacando que “foi un luxo participar sobre o rural dende a experiencia e o sentir das mulleres”. Unha reflexión que resume á perfección o espírito dun evento pensado para visibilizar, recoñecer e fortalecer o liderado feminino no territorio.
Un congreso centrado na sustentabilidade e na forza das comunidades rurais
Baixo o lema “La familia rural, el poderoso guardián de la naturaleza”, a xornada puxo no centro a contribución das mulleres á protección do territorio, á cohesión social e aos procesos de transición ecolóxica. O acto foi coorganizado por Tu Repueblas, AEMME, a Embaixada dos Países Baixos e a UNED Lugo, consolidando un espazo estable de diálogo entre Galicia e os Países Baixos arredor do desenvolvemento sustentable, o emprendemento rural e o liderato feminino.

Cooperación internacional e aprendizaxes compartidas
O Congreso puxo en valor a colaboración entre Galicia e os Países Baixos, especialmente despois da presenza de 60 bombeiros neerlandeses na campaña de extinción de incendios deste verán. Un exemplo de cooperación europea que se trasladou tamén ás diferentes mesas e relatorios da xornada, onde se abordaron temas clave como os incendios forestais e a biodiversidade, o papel da muller na xestión da auga, formación para a transformación rural, emprendemento feminino consolidado, a importancia das redes comunitarias e novos proxectos liderados por mulleres.
A participación do GDR Limia Arnoia no bloque “Raíces que sosteñen: a forza da comunidade rural”
Eva González, a coordinadora e xerente do GDR Limia Arnoia, participou no bloque dedicado a “A forza da comunidade rural”, onde puxo o foco na importancia das redes de apoio, da identidade e dos saberes locais para construír un rural máis resiliente. A súa intervención estivo precedida pola ponencia “Proyecto Mixturando, demostrar que el bosque mixto es un gran recurso”, na que destacou o potencial dos bosques mixtos como motor ambiental, social e económico.

A xornada rematou cun encontro institucional no Centro Cultural O Vello Cárcere, orientado a fortalecer alianzas entre Galicia e os Países Baixos en materia de sustentabilidade, innovación e liderado feminino.
O V Congreso da Muller Rural concluíu cunha mensaxe clara: o rural ten futuro, e ese futuro pasa necesariamente polo talento, a visión e a forza das mulleres que o sosteñen cada día.



