O Mercado de Abastos de Celanova converterase nun espazo de creación aberta dos días 2 ao 4 de abril, coincidindo coa Semana Santa deste 2026, buscando revitalizar o comercio de proximidade, apoiar o emprendemento e dinamizar culturalmente o territorio. Para iso procura 17 proxectos de desenvolvemento no rural en ámbitos como o téxtil, a cerámica, a xoiería, a tecnoloxía ou a gastronomía.
O evento contará con dous espazos: no andar inferior, haberá unha mostra e venda de produtos e oferta de servizos innovadores; e, no andar superior, emprazarase a área gastronómica, onde se poderán degustar e mercar os produtos expostos e será un ambiente de lecer e esparexemento. Ademais, cada xornada incluirá obradoiros demostrativos e concertos en directo.
Proceso de inscrición
As persoas interesadas en dispoñer dun posto no Espazo Efémero de Celanova deberán cubrir e enviar a súa solicitude a través do correo electrónico tecnico@limia-arnoia.gal.
O proceso require cumprimentar e presentar dous formatos:
- Un formulario/memoria da actividade que se pretende desenvolver e aceptación das bases desta convocatoria.
- Unha declaración responsable.
Aquí nestes botóns vos deixamos accesibles estes documentos, xunto coas bases e normas de participación:
O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles a partir do día seguinte á publicación destas bases. A organización valorará as propostas segundo criterios de calidade, sustentabilidade, orixinalidade e vinculación co territorio e resolverá no prazo de 10 días naturais.
Unha vez seleccionado, cada participante deberá achegar documentación adicional (carta de produtos e prezos, fotografías, DNI, certificados no caso de alimentación, etc.), así como unha garantía de participación de 100€, que será devolta ao finalizar o evento se se cumpren as normas establecidas.
Sobre Espazos Efémeros
Espazos Efémeros é unha iniciativa de cooperación transnacional que explora novos modelos de activación cultural e comercial no medio rural mediante espazos temporais, creativos e sustentables.
O proxecto está promovido polo GDR Galicia Suroeste Eurural, GDR Limia-Arnoia e GDR Oriente de Asturias, conta tamén coa participación da Associação para o Desenvolvimento Sustentável da Região Saloia (Portugal) e está financiado a través de Cooperación Leader, no marco do PEPAC 2023–2027, co apoio do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, da Xunta de Galicia e do Principado de Asturias.
Tras as excelentes acollidas das anteriores accións celebradas en Gondomar (Galicia) e Piloña (Asturias), Espazos Efémeros continúa construíndo un modelo innovador de dinamización comercial e cultural a través dunha rede de espazos que conectan territorios e poñen en valor o talento, a artesanía e o emprendemento rural.
Para calquera dúbida, podedes poñervos en contacto no teléfono 604028453.


