Novas · Aberta a convocatoria 2026 de axudas LEADER que contará con 1,35 millóns de euros para o territorio

Aberta a convocatoria 2026 de axudas LEADER que contará con 1,35 millóns de euros para o territorio

A convocatoria de axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas ao abeiro da intervención Leader, no marco do PEPAC 2023-2027 foi publicada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (pertencente á Consellería de Medio Rural) no día de hoxe, 2 de febreiro, no DOG.

Esta liña de axudas terá previsiblemente un fondo impacto positivo no entorno, ao contar cun orzamento de 1.352.166,54 € para o territorio do GDR Limia-Arnoia e de 28.750.000 € a nivel global.

Quen pode solicitar as axudas LEADER?

Poderán ser beneficiarias as persoas físicas e xurídicas, as entidades sen ánimos de lucro, entidades públicas locais, as comunidades de montes en man común, así como as súas mancomunidades con iniciativas que supoñan a posta en marcha de proxectos produtivos xeradores de emprego e de proxectos non produtivos que beneficien ao conxunto da poboación en xeral.

As iniciativas deberán estar emprazadas no ámbito territorial do GDR Limia-Arnoia, cumprir a normativa sectorial, ser finalistas e non ter comezado a inversión. Os importes máximos son do 50% do investimento (cun límite de 100.000€ de axuda) para proxectos produtivos e de ata o 90% do investimento (cun límite de 30.000€) para proxectos non produtivos.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes é de dous meses a contar dende a data da publicación no Diario Oficial de Galicia, finalizando o 6 de abril.

As persoas ou entidades promotoras teñen de 2026 a 2028 para realizar o seu proxecto e as inversións correspondentes. En concreto, exíxese que se execute un 10 % do orzamento antes de rematar 2026, un 40 % antes do 1 de xullo de 2027 e o 50 % restante antes do 15 de setembro de 2028.

Tipoloxía de accións subvencionables

  • Creación, modernización ou ampliación de empresas que desenvolvan actividades non agrarias.
  • Proxectos de produción agraria primaria, transformación e comercialización de produtos agrarios e transformación e comercialización de produtos forestais que cumpran certos requisitos.
  • Bono activa rural.
  • Proxectos non produtivos.

Para calquera dúbida, pódense consultar as bases no seguinte botón:

Xuntanzas informativas do GDR Limia-Arnoia

O GDR Limia-Arnoia levará a cabo xuntanzas nas próximas semanas por áreas do territorio, para achegar información máis detallada e aclarar posible dúbidas. Adicionalmente, conta con oficinas en Allariz, Xinzo de Limia e Celanova e a dirección de correo electrónico info@limia-arnoia.gal para a atención a todas aquelas persoas que teñan en mente a posta en marcha dun proxecto no rural.

As datas son:

  • Maceda: 5 de febreiro ás 12:30 no Salón de Actos do concello.
  • Xinzo de Limia: 9 de febreiro ás 12:30 no Salón de Plenos do concello.
  • Celanova: 11 de febreiro ás 12:30 no Salón de Plenos do concello.
  • Bande: 20 de febreiro ás 12:30 no Salón de Actos do concello.
  • Muíños: 23 de febreiro ás 12:30 na Casa da Cultura.
  • Allariz: 25 de febreiro ás 12:30 no Salón de Plenos do concello.

Máis artigos sobre Novas

V Congreso Muller Rural

O GDR10 suma voz e experiencia no V Congreso da Muller Rural

O pasado 28 de novembro tivo lugar en Lugo o V Congreso da Muller Rural, un encontro de referencia que reuniu a expertas, investigadoras, emprendedoras, representantes institucionais e entidades ligadas ao territorio para reflexionar sobre o papel fundamental das mulleres