Novas · O GDR Limia-Arnoia xa ten os catro proxectos ganadores da convocatoria 2026 de Terra de Oportunidades

O GDR Limia-Arnoia xa ten os catro proxectos ganadores da convocatoria 2026 de Terra de Oportunidades

Tierra de Oportunidades

O Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia vén de coñecer os catro proxectos gañadores da convocatoria Terra de Oportunidades 2026, unha iniciativa impulsada por CaixaBank en colaboración con máis de 50 Grupos de Desenvolvemento Rural de todo o Estado para apoiar o emprendemento, a creación de emprego e a dinamización do medio rural.

Nesta edición, os proxectos distinguidos no territorio do GDR Limia-Arnoia son As Bestas Rural Box, A Casa Vella, Xogo de Fíos e Rolling Ax Custom Motorcycles, catro iniciativas que representan a diversidade dos negocios do territorio e que comparten unha mesma visión: apostar polo rural a través da innovación, a calidade e o arraigamento.

Catro proxectos con identidade propia

As Bestas Rural Box (Allariz) é unha iniciativa que reivindica e divulga os beneficios de vivir en contornos rurais, promovendo un estilo de vida próximo á natureza, o traballo físico funcional, a alimentación de proximidade e as relacións sociais auténticas e duradeiras. Adestran forza para que as persoas atopen o seu lugar, dinamizando o retorno ao rural e preservando a súa cultura. Entre as súas actividades está a halterofilia, WOD, endurance, openbox, entre outras.

A Casa Vella (Allariz) recupera unha antiga edificación tradicional para convertela nun espazo de residencias para a creación e formación. É un centro de artes vivas e acción social no rural, aposta pola dinamización da contorna rural a través da arte e pola posta en valor e recuperación do patrimonio cultural inmaterial ligado aos ecosistemas natural e agroforestal.

Xogo de Fíos (Allariz) é un proxecto persoal artesanal de Lorena Quintas, unha rapaza con diversidade funcional visual total e que atopou nos traballos manuais da ONCE un espazo onde poder desenvolver a súa creatividade. Lorena amosa aquí o seu traballo con fíos sobre superficies de tea, papel ou madeira, con deseños únicos elaborados a man e co sentido do tacto.

Rolling Ax Custom Motorcycles (Trasmiras) é un taller de motos onde tamén se personalizan e restauran este tipo de vehículos, demostrando que tamén é posible impulsar iniciativas especializadas e innovadoras dende o rural, xerando valor engadido e atraendo clientes de diferentes puntos.

Recoñecemento ao emprendemento rural

Como proxectos gañadores, estas iniciativas recibirán unha axuda económica de 1.000€, incorporaranse a un programa de mentoría e acompañamento personalizado e accederán ao reto de Terra de Oportunidades, xa a nivel estatal e en colaboración coa Rede Española de Desenvolvemento Rural e Rural Talent, que lles permitirá ampliar a súa visibilidade e acceder a novas oportunidades de crecemento.

Dende o GDR Limia-Arnoia queremos felicitar ás catro iniciativas seleccionadas e agradecer a participación de todas as persoas emprendedoras que presentaron a súa candidatura nesta edición. Proxectos coma estes demostran que o rural é un espazo cheo de talento, innovación e oportunidades para emprender e crear futuro.

Máis artigos sobre Novas