Novas · Aterra amplía o seu servizo de mobilización de terras a vivendas e empresas próximas ao peche

Aterra amplía o seu servizo de mobilización de terras a vivendas e empresas próximas ao peche

Aterra amplía o seu servizo de mobilización de terras, engadindo a mobilización de vivendas e de empresas próximas ao peche, co obxectivo de contribuír a evitar a despoboación e favorecer o relevo xeracional.

Tras tres anos de funcionamento, o proxecto Aterra, parte fundamental da Estratexia de Desenvolvemento Local 2023-2027 do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia, dá un paso adiante para responder a unha realidade crecente no territorio: moitas das terras ofertadas veñen acompañadas de vivendas familiares en desuso. Esta evolución reforza o obxectivo central do proxecto: impulsar novos proxectos agro‑gandeiros e, ao mesmo tempo, facilitar a chegada de novos habitantes ao rural.

Ademais, tamén vai incorporar empresas próximas a pechar por xubilación ou outras causas para, deste xeito, axudar ao relevo xeracional e a darlle visibilidade de posibles negocios a novos emprendedores.

Unha nova etapa: terra, vivenda e traballo como oportunidade conxunta

A experiencia acumulada demostra que unha parte importante das persoas propietarias que contactan con Aterra non só queren vender ou alugar as súas parcelas, senón tamén as casas herdadas que non utilizan por diversas razóns. Isto abre unha oportunidade clave para o territorio: activar vivendas baleiras e poñelas ao servizo de persoas que desexan iniciar un proxecto de vida e traballo no rural.

Durante estes anos de funcionamento de Aterra tamén puidemos observar que as oportunidades laborais son escasas e as persoas que teñen negocios de comercio, restauración ou calquera outro están próximos a xubilación e non teñen relevo na súa empresa.

Aterra incorpora así unha nova dimensión ao seu labor:

  • Facilitar o acceso á vivenda a persoas que queren instalarse no territorio, especialmente aquelas que buscan emprender ou incorporarse á actividade agraria.
  • Axudar a empresas próximas a xubilación a buscar un relevo.
  • Dar máis visibilidade e publicidade a empresas que vaian pechar, para poder atopar, de maneira máis doada, alguén que a colla.

As persoas interesadas en ofrecer terras ou vivendas, demandar parcelas, que teñan un negocio no que non teñan relevo xeracional ou que queiran consultar os recursos dispoñibles poden contactar con Aterra a través da web www.aterra.gal ou concertar unha cita na oficina de Allariz no teléfono 604 094 665.

Máis artigos sobre Novas